Clasicismo – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Clasicismo

Categoría:

Movemento estético-teatral que, partindo da revitalización do gusto grecolatino en toda Europa e da expansión da filosofía humanista a partir do século XV, supón unha revolución escénica que determina o definitivo asentamento do teatro á italiana e a fin das pautas escénicas medievais. O concepto está temporal e xeograficamente determinado, en función da vaga clasicista que percorre os países europeos e que conflúe, ademais coa tradición renacentista, barroca e neoclásica en Italia, Francia, España e Alemaña, respectivamente.

O punto de partida do clasicismo teatral é a recuperación da Poética de Aristóteles, perdida ou en desuso durante todo o período medieval e que se relé canda outros textos aristotélicos e en función do renovado interese pola filosofía antiga, máis acorde co xiro antropocéntrico. En 1498, Giorgio Valla realiza unha primeira versión da Poética aristotélica, pero a primeira tradución que ten verdadeira relevancia é a realizada por Francesco Robortello no 1542. A partir de aí, múltiples comentaristas aristotélicos fan confluír nunha única tendencia teórica a tradición aristotélica, a platónica, a horaciana e a retórica, prestando unha especial atención ao concepto de mímese, e aportando novidades relevantes que conflúen na chamada norma clasicista ou regra das tres unidades (Ludovico Castelvetro) e contribuíndo de xeito fundamental á fixación dos tres xéneros canónicos en escénica ou dramática, épica, e mélica ou lírica (Antonio Sebastiano Minturno). No contexto hispánico, foron influentes comentarios ao texto aristotélico as Tablas poéticas de Francisco de Cascales (1517) e mais Philosophía Antigua Poética, de Alonso López Pinciano (1596). A primeira tradución da Poética ao español faise en 1626 (Gonez de Seijas y Tovar) e ao portugués, en 1779 (feita por un tradutor anónimo). Con todo, será Lope de Vega quen ofreza o tratado máis orixinal (e respectuoso coa lectura actual de Aristóteles) en El arte nuevo de hacer comedias (1609).

A nova reflexión sobre a mímese derivada destas relecturas da poética antiga, en relación co crecente interese polas fórmulas artísticas grecolatinas, a arquitectura e a literatura antigas, serviron como fundamento para unha reformulación da posta en escena, na procura dun modelo de teatralidade que afecta a todas as artes escénicas (e de modo moi importante á ópera) e que acolle ademais tanto os novos textos de inspiración clásica coma o modelo arquitectónico inspirado nos teatros romanos que asenta definitivamente a separación frontal entre escena e público, principal característica do teatro á italiana, achado escénico do clasicismo.

Interesa especialmente a aportación francesa a esta reflexión, marcada polo seu valor preceptivo e pola súa capacidade de incidencia nun modelo textual e escénico concreto coñecido tamén como teatro clásico francés, propio dos séculos XVII e XVIII e que se identifica, tamén, coa etapa de concentración do poder nos reis absolutistas Luís XIII, Luís XIV e Luís XV, capaces de espallar por toda Europa o novo concepto teatral francés, enfrontado na súa procura da belle nature e dunha estilización da mímese escénica aos outros dous modelos canónicos da época, o Teatro Isabelino inglés e mais o teatro do Século de Ouro español. Pierre Corneille, Molière, Jean Racine, Marivaux ou Voltaire son considerados os grandes representantes do teatro clásico francés. Trátase dun teatro fortemente delimitado pola lectura de Aristóteles feita pola influínte Academia francesa, representada neste punto por Jean Chapelain que, cos seus Sentimentos da Academia Francesa sobre a traxicomedia do Cid (1637), asenta un modelo normativizado en función do concepto de unidade e dunha interpretación fortemente moralista do decoro horaciano, que estabelece, ademais, unha grande regulamentación das implicacións do xénero. Outros autores que asentan en Francia a poética clasicista son La Mesnadière, coa súa Poética (1640), o Abade d’Aubignac, co libro A práctica do teatro (1657) e, sobre todo, a Arte poética de Nicolas Boileau (1674).

A influencia das modas francesas por toda Europa déixase ver axiña no teatro alemán, que adoita identificar o seu teatro clásico co teatro de Weimar e a través da personalidade de Johann Wolfang von Goethe, influído pola moda italianizante desde a súa viaxe a Italia en 1786 e ata a produción da primeira parte do Fausto (1808). Ademais, fixeron parte do clasicismo alemán Friedrich Schiller, e mais Friedrich Hölderlin, demostrando este último, coa súa produción decimonónica, a confusión entre algúns aspectos do clasicismo e a paixón romántica polo mundo antigo.