Teatro á italiana – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Teatro á italiana

Categoría:

Modelo arquitectónico teatral que, seguindo unha disposición enfrontada entre escenario e público, diferencia claramente entre eses dous ámbitos e emprega elementos estruturais específicos que os caracterizan. Así, o escenario sepárase da sala a través do marco de embocadura, ao tempo que a sala, en forma de ferradura, semicírculo ou semióvalo aberto cara ao escenario, posúe zona de patio de butacas e palcos organizados en diferentes andares.

O teatro á italiana xorde, como o seu nome indica, en Italia, como produto da vontade renacentista por imitar os teatros da Antigüidade e adaptalos aos achados estéticos da época, facendo estruturas escénicas que puidesen acoller o gusto pola perspectiva nos decorados de fondo e unha disposición organizativa do público que dese conta do grao de proximidade social aos principais artífices dos primeiros teatros á italiana, os nobres que mandaban construír esas salas para albergar o seu propio entretemento e o das súas cortes. Con vontade de diferenciarse dos modelos teatrais procedentes da Idade Media (teatro de carros e mansións, estaribeis portátiles) así coma das tradicións arquitectónicas específicas do teatro isabelino inglés e dos currais de comedias españois, os teatros á italiana respondían a unha vontade de experimentación que perseguía tamén aplicar ao teatro os avances tecnolóxicos que, durante o século XVII e XVIII, abrirían o camiño para o fomento do chamado “teatro da ilusión”.

O primeiro expoñente de teatros á italiana do Renacemento é o Teatro Farnese de Parma, construído en 1618 e deseñado por Giovan Battista Aleotti para Ranuccio I, Duque de Parma e Piacenza, que quería honrar cun gran espectáculo a visita a Parma do Grande Duque de Toscana, Cosme II de Medici. Finalmente o Grande Duque non realiza a súa visita e o teatro permanece pechado ata que se inaugura oficialmente dez anos despois, con motivo do casamento en 1628 de Odoardo, fillo de Ranuccio, con Margarita de Medici. O espectáculo elixido para a inauguración foi a ópera de Claudio Monteverdi Mercurio e Marte.

O teatro á italiana supuxo unha renovación na concepción do espazo escénico que sería fundamental para a evolución posterior dos modelos teatrais occidentais. Esa reformulación do espazo escénico xorde cando, procurando inspiración na Antigüidade, o arquitecto e escenógrafo Sebastiano Serlio analizou a obra latina De architectura, de Marco Vitruvio, e propuxo no segundo dos seus Cinco libros sobre arquitectura (1611) unha adaptación ao gusto renacentista dos tres escenarios antigos correspondentes aos xéneros latinos (cómico, tráxico e satírico). Pero é Andrea Palladio quen, por encarga da Academia Olímpica de Vicenza, realiza o Teatro Olimpico que rematan en 1585 o seu fillo Silla e o seu colaborador Vicenzo Scamozzi, a quen se atribúe o deseño do escenario, exemplo de escenografía en perspectiva con punto de fuga simétrico pero que aínda mantén unha forte influencia da frons scenae latina.

Será unha evolución da porta real antiga, convertida progresivamente en marco de embocadura do escenario, o elemento que marcará definitivamente a separación frontal entre escena e público, principal característica do teatro á italiana. Esta clara fronteira co público, chamada comunmente cuarta parede, fomenta obviamente un modelo de ficción escénica ilusionista. Para isto, o escenario do teatro á italiana aínda se dotaría de elementos estruturais específicos que servirían para facilitar tecnicamente esa ilusión: rúas, trapelas, bastidores, grella de iluminación, bambolinas e, sobre todo, o telón como mecanismo simbólico de separación entre ficción e realidade. O edificio do teatro á italiana, ademais, irase dotando de elementos característicos que o dotan dunha arquitectura específica tanto no lado do escenario (camaríns, peite, chácena, ombros, foxo) coma no lado do público (platea, palcos, palco real).

 

Para saber máis: Boves Naves, María del Carmen (2001) “El teatro a la italiana”, en Semiótica de la escena. Análisis comparativo de los espacios dramáticos en el teatro europeo, Madrid, Arco, 347-394. Mckintosh, Iain (2000) “La innovación de la ilusión escénica”, en La arquitectura, el actor y el público, Madrid, Arco, páxs. 47-69; Surgers, Anne (2009) “Elaboración do teatro á italiana (séculos XIV-XVI). O tabernáculo desvelado”, en Teatro occidental: unha historia teatral desde a escenografía, Vigo, Galaxia, páxs. 102-135.

Relacionado con