Recurso dramatúrxico que consiste en deixar inacabada unha ou varias tramas argumentais dentro dunha historia. O contrario sería un final pechado.
No final aberto, o espectador ou espectadora e mais o lector ou lectora deberán manter unha actitude activa na resolución do conflito e imaxinar posíbeis alternativas para o desenlace da trama. Os finais abertos son, en xeral, a forma de concluír unha obra aberta, que segundo Umberto Eco é a que deixa ao lector a capacidade de reescribir o texto e converterse en autor.
Obras dramática con final aberto son, por exemplo, Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres (1968), Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño (2002) e Final de película, de Gustavo Pernas (2006).