Elemento estrutural da intriga situado ao final da obra que implica a resolución dos distintos fíos causais do argumento. Na dramaturxia clásica, figura xusto antes da peripecia, no momento en que os elementos aparentemente contraditorios fican resoltos. Neste sentido, para Aristóteles, o desenlace é o resultado da necesidade e da verosimilitude do argumento.
A poética clásica e normativa esixe que a resolución sexa verosímil e concentrada, e por iso condena, agás excepcións, o deus ex machina, pois o desenlace debe ser un espazo para a resolución das preguntas de orde moral, filosófica e política que propuxo o drama.
A poética contemporánea tende a non empregar o desenlace como estrutura para a resolución senón para o contrario, xerando o final aberto e os esquemas argumentais non resoltos, fronte aos finais redondos e pechados, segundo a tipoloxía definida por Manfred Pfister na súa obra O drama.