Argumento – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Argumento

Categoría:
  1. Resumo ou síntese da historia relatada pola peza teatral ou polo texto dramático.
  2. Termo específico da teoría aristotélica, tamén empregado como sinónimo de “trama” ou “intriga” co que Aristóteles se refire á “estruturación dos feitos”.

De xeito xeral, o concepto de argumento ten que ver coa organización dispositiva dos acontecementos da fábula tal como se amosan en escena ou no drama, asumindo unha complexidade compositiva na que, segundo Aristóteles, radicaría o talento do dramaturgo.

Segundo se explica no capítulo VI da Poética de Aristóteles, o argumento vincúlase cos obxectos, ou personaxes en acción, canda o carácter, o pensamento e a expresión, mais para Aristóteles o argumento é o máis importante de todo, ao radicar nel a “estruturación dos feitos” en virtude dos conceptos de necesidade e verosimilitude, esenciais para a mímese “non de seres humanos senón de accións”, pois os personaxes “se revisten de caracteres a través das súas accións”. É por isto polo que, para Aristóteles, tanto o carácter coma o pensamento do heroe ou personaxe serán coñecidos e comprendidos grazas ás súas accións no argumento, e non como características do personaxe alleas aos feitos relatados.

O argumento, na Poética aristotélica, debe vir rexido en virtude da lóxica causal aportada pola fábula, de xeito que todas as súas partes ou acontecementos estean motivados entre si nunha cadea causal (verosimilitude) e, por tanto, sexan necesarios para a comprensión da acción. Nesas dúas características do argumento aristotélico, verosimilitude e necesidade, radica a unidade de acción, xa que, tal como explica Aristóteles no capítulo VIII da Poética, o argumento así organizado tamén será unitario.

Polo tanto, Aristóteles entende que os argumentos ben feitos son os que xeran accións unitarias, e para isto deben ser “completos e con certa magnitude”, asumindo que algo completo é o que ten comezo, medio e fin, partes vencelladas entre si de xeito causal xerando unha unidade perceptíbel no seu conxunto. Así, no capítulo VII, sinala que a extensión do argumento será a que “desenvolvéndose a acción ordenadamente e de acordo coa verosimilitude e coa necesidade, ten lugar un cambio da desgraza á felicidade ou da felicidade á desgraza”.

Para Aristóteles, os argumentos tráxicos poden contar con tres factores compositivos: peripecia, recoñecemento e efecto patético, xiros ou cambios que, insiste o Estaxirita no capítulo X, deben xurdir como consecuencia dos seus propios antecedentes por necesidade ou verosimilitude. Da comparecencia ou non dalgunha desas tres posibilidades, resultarán os argumentos simples (amosan un cambio sen peripecia nin recoñecemento) ou complexos (aqueles nas que o cambio se produce con peripecia, recoñecemento ou ambos os dous).

Tanto o neoaristotelismo coma o formalismo ruso do século XX recuperaron a noción de argumento (a miúdo a través dos termos “trama” ou “intriga” para referirse aos conceptos inglés plot ou ruso sjuzet) para opoñela a fábula ou historia e distinguir así os feitos contados da súa complexidade compositiva.

 

Relacionado con