Texto dramático – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Texto dramático

Categoría:

Conxunto de signos lingüísticos que xeran unha unidade de sentido na literatura dramática.

O texto dramático, como estrutura do drama ou literatura dramática, constrúese a través da dobre enunciación como artificio que permite diferencialo doutras modalidades literarias, así coma dotar dun sentido a súa suposta finalidade escénica, de tal xeito que os parámetros espazo temporais se expresan a través dun discurso (as didascalias) e a intervención das figuras a través doutro discurso distinto (o diálogo ou polílogo). Todo texto dramático posúe ese dobre nivel enunciativo segundo Anne Ubersfeld e é a expresión fundamental da dramaticidade. Calquera outro tipo de texto pode converterse en texto dramático mediante un proceso de transdución capaz de expresar o mesmo sentido a través dun discurso dobremente enunciado.

As particularidades expresivas, artísticas e construtivas do texto dramático son estudadas pola teoría dramática.

 

Para saber máis: Trancón, Santiago (2006) “Literatura y teatro”, en Teoría del teatro: bases para el análisis de la obra dramática, Madrid, Fundamentos, páxs. 200-208; Ubersfeld, Anne (1989) “El discurso teatral” Semiótica teatral, Madrid, Cátedra, páxs. 174-211.

Relacionado con