Diálogo – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Diálogo

Categoría:
  1. Fórmula enunciativa propia do drama.
  2. Xénero literario que organiza a ficción a partir da conversa entre dous ou máis personaxes.

Do grego διάλογος, palabra formada polo prefixo δια- (dia– a través) e a raíz λόγος (logos, palabra, tratado, estudo), trátase en sentido estrito dunha interacción lingüística entre dúas persoas, un eu locutor e un ti ouvinte, aínda que se emprega a miúdo como sinónimo de polílogo. Considérase a fórmula enunciativa definitoria do drama, sendo unha das modalidades da dobre enunciación. Neste sentido, e como ten sinalado Carmen Bobes Naves, o diálogo como enunciación implica a copresenza dos interlocutores en escena e a relación intrínseca entre palabra e acción, xa que boa parte do que fan os personaxes é falar entre si para desenvolver o argumento.

Como fórmula enunciativa esencial das figuras en escena, enténdese o diálogo en sentido amplo como forma do dialoxismo escénico que apela á presunción dunha espectadora ou espectador a quen se destina en última instancia todo o material sígnico da posta en escena, incluída, por suposto, a interacción lingüística. É por isto polo que, mesmo naqueles casos onde, en sentido estrito, só intervén un personaxe (monólogo, soliloquio, aparte), se considera a existencia dunha fórmula dialóxica que ten que ver coa necesidade de lle supor unha destinataria ou destinatario co fin de manter o efecto de realidade. É por isto polo que o diálogo é un mecanismo esencial na construción da ilusión escénica.

 

Relacionado con