Posta en escena – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Posta en escena

Categoría:

Concepto que aparece a mediados do século XIX para facer referencia a un novo xeito de organizar e concibir a profesión teatral responsable da realización dun espectáculo teatral. Ata o momento, o primeiro actor da compañía era quen se encargaba de coordinar a todo o equipo humano e de definir os contidos, corrixir e delimitar o xeito de crear os personaxes. Coa posta en escena aparece a figura externa do director de escena, para levar a cabo unha serie de funcións que Patrice Pavis clasifica do seguinte xeito:

  1. Definicións mínima e máxima. Organización e conxunto de medios de interpretación.
  2. Esixencia totalizadora. Aparición da idea motora única.
  3. Poñer no espazo. Transformación xestual, sonora e tridimensional do texto en escritura escénica.
  4. Poñer en acordo. Dotar de coherencia e integrar nun todo harmónico e lóxico ou orgánico para transmitir un pensamento único a partir do traballo artístico dos diferentes creadores que participan na creación dun espectáculo.
  5. Poñer en evidencia o sentido. Producir unha interpretación profunda a partir dos medios escénicos dispoñíbeis e do xogo escénico.
  6. Tres preguntas sobre as regras da posta en escena. Que caracterización, ficcionalización e ideoloxización se establece entre o texto de partida e o escenario?
  7. Solución imaxinaria. Facer opaco a través do escenario aquilo que estaba claro no texto ou, á inversa, clarificar o que era escuro no texto.
  8. Discurso paródico. Discurso paralelo á lectura plana e neutra do texto.
  9. Dirección de actores e actrices. Guiar, detallar, corrixir, probar situacións de enunciación, clarificar os trazos expresivos pertinentes e produtivos, audibles e lexibles, etc.
  10. Dar indicacións. Amosar camiños posibles, informar.

Na actualidade, pode verse empregado o sinónimo “escenificación” como actividade consistente en dar corpo a un conxunto expresivo eficaz e produtivo para transmitir unha cosmovisión, ideas e atmosferas emotivas á persoa espectadora a partir de todos os recursos humanos e técnicos posibles. Esa escenificación ou posta en escena pode ser individual ou de creación colectiva, de todos ou parte dos membros do grupo.

Outros estudosos coma Juan Antonio Hormigón sinalan estas características e consecuencias da transformación do teatro coa aparición do concepto de posta en escena e, polo tanto, da figura da dirección escénica:

  1. Pór fin ao egocentrismo da primeira estrela e substituílo polo concepto de equipo.
  2. Unificar e harmonizar os elementos escénicos en base a unha intencionalidade significativa.
  3. Conferir autonomía ao feito teatral.
  4. Introducir novos procedementos, recursos e materiais escénicos.
  5. Posibilitar novos estilos de interpretación.
  6. Estudar, valorar e revisar obras ao lado das ciencias humanas.
  7. Incorporación de formas e estilos doutras artes.
  8. Definir unha fundamentación, estética e formalización estilística para cada espectáculo en concreto.
  9. Evolución e dotación do edificio teatral como espazo comunicativo.
  10. Ampliación de repertorios.
  11. Aparición de novos roles da persoa receptora e de actividades innovadoras de difusión teatral.
  12. Aparición de metodoloxías de habilitación profesional e estudo.
  13. Fundación de novas compañías de investigación e renovación.
  14. Fomento do estudo histórico, semiolóxico, sociolóxico, psicolóxico, etc., do teatro.
  15. Aportación bibliográfica significativa.
  16. Reformar o teatro e posibilitar que o siga facendo.

Na época máis recente e con novas terminoloxías, a posta en escena é a que controla a dramaturxia global dunha peza, dende os códigos lumínicos á dramaturxia do espazo sonoro. Pór en escena é escoller, incorporar e desbotar no proceso de ensaios aquilo que se pretende estabelecer na experiencia artística da recepción teatral, que como nos recorda a estética da recepción, sempre será un proceso de retroalimentación nunha actividade pola cal a persoa receptora poderá encher unha serie de ocos en base á súa experiencia vital, prexuízos ou horizonte de expectativas. Por tal motivo, dominar os principios compositivos en base a diferentes claves de significación como o contraste, o equilibrio, ritmo, o emprego de formas disímiles, etc., son tarefas esenciais que se levan a cabo e se planifican en todo proceso de escenificación. A posta en escena no teatro actual ten máis presente a través da síntese escénica as posibilidades non só hermenéuticas senón eróticas do teatro, tal e como defendeu Susan Sontag no seu tratato “Contra a interpretación”, no ano 1966.

Relacionado con