Recepción – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Recepción

Categoría:
  1. Na comunicación escénica, conxunto de actividades de carácter perceptivo, hermenéutico e avaliativo realizadas polas persoas ás que se destina a mensaxe a través do espectáculo.
  2. Suma das diversas interpretacións e opinións sobre unha obra dramática, teatral ou escénica tanto desde unha perspectiva diacrónica coma sincrónica.

A recepción escénica caracterízase por ser simultánea á emisión, a diferenza da recepción da obra dramática que, como toda recepción propia da comunicación literaria, é diferida. Por isto, a recepción escénica ten unha serie de particularidades que foron estudadas por Marco de Marinis a través do seu “modelo de comprensión teatral” e ampliadas por Dolores Vilavedra. Para De Marinis, a definición hic et nunc da posta en escena implica certos procedementos de organización do material sígnico fortemente condicionados polo carácter efémero do mesmo e que implican mecanismos específicos para a atribución do sentido. Por isto, De Marinis definiu a recepción escénica a través dun proceso en cinco niveis que comprendería a percepción, a interpretación (pragmática, semántica e semiótica), a reacción emotiva e cognitiva, a avaliación e a memorización e recordo. Cumpriría matizar, a respecto desas fases, que dada a condición simultánea de todo o proceso comunicativo, esas accións receptivas non serían sucesivas, senón tamén simultáneas. Efectivamente, durante toda a comunicación escénica, cómpre que cada espectadora ou espectador perciba a través dos sentidos os distintos estímulos que, en forma de significantes, se poñen en funcionamento na posta en escena para, pola súa banda, poder iniciar a decodificación da posta en escena. É por isto polo que Dolores Vilavedra propón un esquema que, aínda sendo semellante ao de Marco de Marinis, estabelece unha interpretación ou  hermeneuse en primeiro grao e que tería que ver coa comprensión contextual e parcial de cada momento do espectáculo, así coma as reaccións emotivas e cognitivas (primarias) derivadas desta, que darían lugar a unha serie de avaliacións iniciais que van xestando unha opinión durante o propio proceso de recepción. Para Vilavedra aparecería despois a interpretación en segundo grao ou conclusiva, de carácter abarcador sobre todo o espectáculo, capaz de pór en relación todo o material sígnico presentado ao longo da duración da obra, e que é indispensábel para poder chegar a memorización do mesmo e, sobre todo, a avaliación final ou secundaria que si se referiría ao espectáculo como totalidade unitaria. Inmaculada López Silva, por último, propuxo un esquema explicativo do proceso de recepción escénica que aínda engadía un elemento máis aos de Marco de Marinis e Dolores Vilavedra: os prexuízos. Co termo, procedente da hermenéutica gadameriana, a autora inclúe as condicións previas á propia recepción que condicionan a percepción e a disposición hermenéutica da persoa á que se destinaría o espectáculo.

Prexuízos Operación previa ao espectáculo que se proxecta sobre el
Percepción Fase 1: Operacións de recepción simultáneas ao espectáculo
Interpretación en primeiro grao: contextual + parciais

Reaccións emotivas e cognitivas

Avaliación primaria
Interpretación en segundo grao ou conclusiva Memorización e recordo Fase 2: Operacións producidas unha vez acabado o espectáculo
Avaliación secundaria

 

É tamén interesante aplicar á reflexión sobre a recepción escénica conceptos propios da Escola de Constanza arredor de como afecta á formulación do horizonte de expectativas o feito comunicativo en vivo, ou as particularidades da recepción implícita no proceso de produción da posta en escena.

 

Para saber máis: López Silva, Inmaculada (2004) “A recepción do espectáculo teatral”, Teatro e canonización, Lugo, Tris Tram, páxs. 97-104; Marinis, Marco de (1984) “L’experienza dello spettatore: fondamenti per una semiotica della ricezione teatrale”, Documenti di Laboro, Urbino: Centro Internazionale di Semiotica e Linguistica (documento sen paxinar); Vilavedra, Dolores (2000) “A recepción do teatro galego postautonómico: unha ollada ás revistas non galegas”, en Riquer, Isabel de, Losada, Elena e González, Helena (eds.) Profesor Basilio Losada. Ensinar a pensar con liberdade e risco, Barcelona, Universitat de Barcelona, páxs. 734-741.

Relacionado con