Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Recepción

1. Na comunicación escénica, conxunto de actividades de carácter perceptivo, hermenéutico e avaliativo realizadas polas persoas ás que se destina a mensaxe a través do espectáculo.
2. Suma das diversas interpretacións e opinións sobre unha obra dramática, teatral ou escénica tanto desde unha perspectiva diacrónica coma sincrónica.

Recepción implícita

É a recepción ou lectura creada pola obra, sexa esta un espectáculo escénico ou un texto dramático, a través da escolla de signos e a súa codificación que implican un modelo de decodificación que deberá realizar a persoa que a recibe, condicionada pola propia construción semiótica da obra.

Rede

Vid. Circuíto

Relixioso, Teatro

Na época medieval, misterios, milagres, autos e todo tipo de pezas de contido bíblico, carácter didáctico sobre asuntos relacionados coa moral cristiá ou divulgación de episodios no culto, sobre todo relacionados coa paixón, morte e resurrección de Xesucristo.

Repertorio

Na Teoría de Polisistemas de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función do código, proporcionando así as ferramentas compositivas necesarias para que un produto dado poida funcionar de xeito sistémico. No sistema teatral, o repertorio é o conxunto de regras e materiais que rexen tanto a elaboración coma o consumo dun produto teatral determinado.

Representación

1. Posta en escena. Exhibición da obra ante o público.
2. Mímese. Ficción creada a través da posta en escena.
3. Resultado do proceso de construción do significado global da posta en escena a través de signos escénicos.

Retardo

Diferenza temporal entre a execución real e cotiá dunha reacción comunicativa e súa equivalente posta en escena pola persoa intérprete.

Retractatio

Mecanismo polo que a mímese volve a ollada aos modelos artísticos do pasado, é dicir, aquelas obras xa refrendadas pola Historia ou polo canon que cumprirían os requisitos poéticos necesarios para seren consideradas obras correctas e, por tanto, segundo a mesma teoría horaciana, decorosas.