Recepción implícita – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Recepción implícita

Categoría:

É a recepción ou lectura creada pola obra, sexa esta un espectáculo escénico ou un texto dramático, a través da escolla de signos e a súa codificación que implican un modelo de decodificación que deberá realizar a persoa que a recibe, condicionada pola propia construción semiótica da obra.

O termo lector ou lectora implícita procede esencialmente da Estética da Recepción e foi especialmente discutido na teoría literaria, concretamente na narratoloxía, na procura de estabelecer claramente as instancias receptivas da ficción. No teatro, ao explicitárense os destinatarios ficcionais do diálogo ou polílogo a través de personaxes (tanto no texto coma no espectáculo), a reflexión sobre a recepción implícita non foi produtiva, mais semella igualmente esclarecedora dun proceso comunicativo no que se fai necesario explicar a influencia que teñen sobre o proceso de creación da obra as particularidades comunicativas que inflúen na recepción.

Wolfang Iser, estudoso destacado da Estética da Recepción, determinou a existencia dunha entidade teórico-literaria á que denominou “lector implícito” coa que pretendía dar conta da necesidade de explicar a lectura coma un proceso activo que vén determinado pola propia construción da obra na que a persoa que a emite estrutura a distribución de signos e significados na procura dunha determinada reconstrución do sentido por parte da persoa á que destina o seu texto. Para Iser, todo texto se codifica deixando ocos de indeterminación que a persoa á que vai destinado debe encher de contido en virtude das normas semióticas que rexen o código no seu contexto. Como a selección e colocación deses ocos de indeterminación fan parte do proceso creativo, Iser deduce a necesidade de considerar unha entidade equivalente a un modelo de recepción presente no proceso de codificación e creación da obra, sexa esta literaria ou, no noso caso, tamén escénica. Desde este punto de vista, a recepción implícita na posta en escena estará fortemente determinado polas circunstancias particulares da recepción escénica, xa que nos procesos de codificación e mais de distribución dos ocos de indeterminación influirá, evidentemente, a simultaneidade comunicativa.

 

Para saber máis: Iser, Wolfang (1987) El acto de leer. Teoría del efecto estético, Madrid, Taurus.

Relacionado con