Ficción – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Ficción

Categoría:

Fórmula discursiva sobre a que non é aplicábel o criterio de verificación e que, por tanto, serve para representar artisticamente mundos posíbeis, entidades imaxinarias ou realidades alternativas.

O termo procede do latín fingere, “formar”, “construír” ou “modelar”, que tamén se atopa na etimoloxía do verbo “finxir”. A ficción, por tanto, é un procedemento destinado a dar forma (no noso caso escénica ou dramática) ao proceso de mímese que dará lugar a un resultado concreto en forma de obra teatral. Desde este punto de vista, toda ficción é un construto artístico que, empregando uns procedementos específicos e un signos particulares da linguaxe pola que opta a artista, xera un mundo posíbel que será interpretado como non real polas persoas ás que vai destinado, isto é, non aplicarán sobre el os criterios de verificación propios da realidade.

A respecto do texto dramático, a súa natureza ficcional desenvólvese en termos idénticos aos de calquera outra obra literaria, apelando ao signo lingüístico coma procedemento simbólico desde o que xerar unha imaxe de mundo na imaxinación da lectora ou lector da obra.

A respecto da posta en escena, xa Diderot salientou a natureza paradoxal da ficción teatral, xa que a posta en escena implica un discurso que emprega a realidade física que comparten de xeito efectivo persoas que emiten e persoas que reciben (copresencialidade) para construír, a través da dimensión icónica do signo escénico, unha ficción. A natureza do pacto teatral está, xustamente, na asunción, por parte de quen interveñen nese acto comunicativo, de que o que se está a facer aí, malia a súa aparencia, non é real, senón unha ficción que transmite ulteriormente unha serie de significados. Esa aparencia de realidade propia da ficción teatral é a que lle permitiu ao teatro, historicamente, desenvolver xogos de ruptura aparente do pacto de ficción coma o aparte, a destrución da cuarta parede, o metateatro, ou a suspensión da noción do personaxe baixo a aparencia do actor ou actriz no teatro posdramático.

A teoría dos mundos posíbeis desenvolveu unha reflexión sobre o estatuto da ficción que, aplicada ao teatro, estabelece que a estilización sígnica da posta en escena está orientada a situar o discurso teatral coma un postulado “coma se” no que o mundo posíbel xerado semella verdadeiro e efectivo en virtude dun efecto de realidade xerado en diversos graos de intensidade.

 

Relacionado con