Theatron – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Theatron

Categoría:

Termo grego (θέατρον) que significaba “lugar para ver” e que pasou a denominar os teatros gregos tal como se formularon inicialmente.

Nun primeiro momento, os teatros eran espazos circulares onde se contemplaban diferentes rituais relixiosos e as actividades escénicas vencelladas a eles. O theatron, por iso, era o lugar reservado aos espectadores e consistía nunha grada en hemiciclo ou 3/4 de circunferencia con bancadas (koilon) que aproveitaba a ladeira dunha montaña, que rodeaba a orquestra na parte máis baixa central e en cuxo centro se situaba un altar, a thymelé. Estaba dividido en sectores ou kerkides que comunicaban os asentos en horizontais a través de corredores ou diazoma. Posteriormente aparecería a plataforma da skené que podía ter un pequeno estrado ou proskenion decorado ao modo escultural e arquitectónico clásico, e que se separaba da orquestra polo parodos, ou entradas para os actores (eran dous, por tanto: parodoi). Engadíronse despois unhas construcións sólidas ou paraskenia a cada extremo que substituíron un telón, tralas cales se preparaban os actores e os efectos especiais.

Theatron. Plano e perspectiva. Ilustración: Diego Valeiras

Anne Surgers insiste na dimensión ritual ou relixiosa vinculada coa estrutura arquitectónica do edificio, orientado habitualmente ao sur o que non sempre permitiría unha visión de calidade do que sucedía en escena. Surgers vencella isto coa etimoloxía de theatron, lugar para ver ou mesmo ter visións, o que tería que ver cunha idea de contemplación que vai máis alá do entretemento escénico e que se relacionaría co aspecto ritual, revelador e epifánico da relixiosidade dionisíaca. Theatron, é un termo que procede do verbo theaomai (θέαομαι), que conleva dous significados complementarios “lugar desde onde se ve” e “lugar onde se teñen visións místicas” (ambas acepcións presentes tamén no verbo opsis que logo pasaría ao latín). Polo tanto, o teatro grego sería o lugar onde ter visións e revelacións de dimensión transcendente, nun modo de recepción que podería remitir, así, á catarse aristotélica.

 

Para saber máis: Surgers, Anne (2009) Teatro occidental: unha historia teatral desde a escenografía, Vigo, Galaxia-Xunta de Galicia.

Relacionado con