Catarse – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Catarse

Categoría:

Do grego καθάρσις (katharsis), significa purificación. Na Poética de Aristóteles é o obxectivo da obra, a consecuencia da súa recepción e a culminación emocional e racional da hermeneuse.

O termo catarse está xa presente na filosofía de Pitágoras e na de Platón, e mesmo noutros libros de Aristóteles co sentido de purificación a través do coñecemento, aspecto que recollerá o Estaxirita ao estabelecer que a consecuencia última da experiencia estética provocada pola traxedia é a purificación da alma ou catarse, xerada polos sentimentos de horror e mágoa que inspira a recepción da obra a través da identificación co heroe. Aínda que hai alusións a eses dous conceptos de horror e mágoa por toda a Poética, así coma referencias á idea de purificación, Aristóteles non dedica un capítulo específico a ese proceso de recepción, o cal fixo que, ao longo do tempo, se desen múltiples lecturas e interpretacións do mesmo. Trátase, por iso, dun concepto complexo que admite vínculos con modalidades do discurso, valores rítmicos, códigos pragmáticos, modelos de construción dos personaxes, e, por suposto, a disposición do argumento e as súas condicións esenciais para lograr a unidade de acción.

A dimensión relixiosa presente na acepción de purificación da palabra catarse non é allea á traxedia como espectáculo na Grecia clásica, vinculada á festa dionisíaca cargada de compoñentes rituais de orde máis relixiosa ca puramente estética. Sexa como for, o certo é que Aristóteles estabelece unha orde entre a elaboración do argumento tráxico e a consecución da catarse, xa que o primeiro, organizando os acontecementos de forma causal en virtude da verosimilitude e a necesidade que lle outorgan unha dimensión lóxica indiscutíbel, logrará amosar un personaxe (o heroe) co que o público pode empatizar ao comprender todas as súas motivacións e circunstancias, e así identificarse con el. A identificación, para Aristóteles, é o paso previo á catarse, pois esta depende da comprensión, mesmo da revelación que o espectador ten ao entender en profundidade a dimensión tráxica da condición humana a través dese heroe co que se identificou e ao que puido atinxir coma se fose el mesmo. Ese proceso, para Aristóteles, é pracenteiro en si mesmo. A experiencia estética da traxedia, por tanto, daría lugar a unha purificación que ten que ver co pracer derivado desa comprensión do heroe que causa horror e mágoa, algo que Fernando González Muñoz identifica cunha excitación que “resultaría liberadora polo feito de operar sobre emocións dolorosas e normalmente reprimidas na vida real”, pero que tamén procedería dun proceso cognoscitivo no que se dá unha aprendizaxe sobre a condición humana.

Ao longo da Historia, a noción de catarse foi adaptándose tanto ás distintas lecturas e interpretacións de Aristóteles coma aos intereses diversos dos distintos períodos da teoría teatral. Os primeiros comentaristas aristotélicos, coma Vicenzo Maggi, interpretaron o concepto desde unha perspectiva moral que non estaba lonxe dunha lectura médica, como efecto benfeitor da fábula tráxica sobre a alma, unha idea que, algo despois, no período clasicista, se vinculou coa procura da dimensión didáctica e decorosa das obras. O romanticismo daría conta dunha lectura mentalista, apelando á dimensión non racional do proceso purificador transcendente. A psicanálise de Freud tamén se interesou fondamente polo proceso catártico, entendendo a recepción da traxedia como un camiño para a liberación dos instintos innatos, sublimados a través da experiencia estética. Esta lectura, foi importante na teoría da traxedia de Nietzsche e, posterioremente, na proposta teatral de Antonin Artaud co seu Teatro da Crueldade que, sendo antiaristotélico na súa crítica implícita á organización argumental da fábula, si estabelece un proceso semellante á catarse como consecuencia da asunción do teatro como vida. Esa consecuencia catártica da procura dos instintos básicos a través do teatro como expresión primixenia da humanidade está presente na experimentación teatral de artistas coma Grotowski e Staniewski, e constitúe un dos fundamentos do posdrama.

A crítica máis fundamentada do século XX ao concepto de catarse é a realizada por Bertold Brecht a través do teatro épico, quen entende que a suspensión da razón causada polo fervor catártico é indesexábel nun teatro que ten a obriga de interactuar coa realidade social e económica do seu tempo. A catarse é vista na perspectiva marxista de Brecht coma o correlato teatral da relixión coma opio en Karl Marx, e de aí que a súa proposta vaia orientada a suspender os procesos que conducen á catarse (a identificación, fundamentalmente) co fin de lograr que o espectador se manteña alerta e capaz para a razón que, a través dos efectos de distanciamento, o levará a realizar unha permanente crítica comparativa entre a fábula dramática e a realidade que o rodea para así facultalo para a acción política e mesmo para a revolución.

 

Relacionado con