Identificación – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Identificación

Categoría:

Proceso experimentado pola persoa á que se destina a obra teatral a través do cal empatiza con quen a protagoniza, comprende as súas accións, e sente que, nas mesmas circunstancias, actuaría do mesmo xeito.

A identificación é unha consecuencia fundamental da estrutura da acción aristotélica, organizada desde un argumento causal no que a verosimilitude e necesidade dos acontecementos amosados xeran de inmediato a complicidade cun heroe cuxas circunstancias se comprenden a través do que Aristóteles denomina terror e a compaixón, debido a que o mecanismo hermenéutico provocado polo argumento depende da lóxica (causalidade). O público da traxedia, segundo Aristóteles, chegará á catarse grazas a ese proceso racional de comprensión da orde de acontecementos que o conducirá á emoción extrema cuxo detonante é a empatía, unha empatía que, ademais, serve coma mecanismo de comprensión do mundo ou da condición humana. A mímese, en definitiva, implicará esa comparación entre o heroe e a persoa á que se destina a obra, un reflexo forzado polas circunstancias comunicativas do teatro e en cuxa dimensión didáctica ten unha responsabilidade esencial a definición primeira dese “obxecto da mímese” segundo a propón Aristóteles: superior, inferior e semellante. Compararse cun obxecto ou personaxe superior a un e inacadábel, chegar a comprender as súas motivacións e os pasos que percorre o seu destino tráxico, implica unha elevación esencial (emocional, social) que xera unha aprendizaxe extrema vencellábel co  concepto de catarse, e por iso isto só se logra a través da traxedia, xénero que imita as accións nobres (superiores) e que, polo tanto, logra a identificación coa nobreza. A comedia, pola súa banda, terá como obxecto da imitación as accións ruíns, e por iso nin logra nin persegue a identificación, senón que tenta manter a distancia (ironía) entre a persoa que recibe a obra e os personaxes da mesma; por iso, indica Aristóteles, provoca a risa.

A crítica a ese proceso de identificación é o alicerce do Teatro Épico de Bertold Brecht tal como se pode ver nos seus Escritos sobre teatro dos anos trinta. Brecht ve na identificación un xogo perverso que, a través da catarse, impide que o espectador tome conciencia crítica sobre o que está a ver e o incapacita para a acción política. É por isto polo que os efectos de distanciamento postos en práctica no teatro épico van orientados, en boa medida, a rachar a ilusión da identificación e obrigar o público a tomar distancia.

Pola súa banda, en 1977, o teórico da recepción Hans-Robert Jauss, interesouse polo concepto de identificación e tentou demostrar tanto o seu posíbel desvencello da catarse coma o seu posíbel vínculo coa comedia. Estabeleceu por iso cinco tipos de identificación, en virtude da relación que estabelece o protagonista coa persoa destinataria da obra, resumidas neste cadro:

Tipo de identificación Relación Disposición receptiva Conduta

(+ progresiva

-regresiva)

1.       Asociativa Actuación/competición Pórse no lugar de todos os participantes +goce da liberdade

-exceso permitido (ritual)

2.       Admirativa Heroe perfecto Admiración +emulación

-imitación

3.       Compasiva Heroe imperfecto Piedade +interese (moral)

-sentimentalismo

4.       Catártica Heroe que sofre/oprimido Emoción tráxica

Liberación da alma

Liberación cómica

+interese desinteresado

-pracer de mirón

-burla

5.       Irónica Heroe desaparecido / Antiheroe Sorpresa

Provocación

+resposta sensíbel

-indiferencia

 

 

Relacionado con