Verosimilitude – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Verosimilitude

Categoría:

Procedemento compositivo polo que todos os acontecementos da acción resultan posíbeis dentro do seu propio argumento, que, ao estruturarse segundo unha lóxica interna derivada da interconexión causal e necesaria de todos os feitos amosados ou relatados, constrúe os seus propios parámetros de credibilidade. Por extensión, é o procedemento compositivo que xera no público ilusión de realidade.

A verosimilitude ou verosemellanza é o concepto central da Poética aristotélica extensíbel a todo o teatro composto segundo os termos da teoría dramática clásica. Aristóteles refírese a ela en múltiples ocasións, pero salientan aqueles lugares nos que, canda o concepto de necesidade, fai radicar nela a unidade da acción e a corrección na elaboración do argumento. É no capítulo IX onde, facendo unha comparación entre a poesía e a Historia, desenvolve con máis claridade a súa idea de verosimilitude ao indicar, con certo enxeño, que “o posíbel é críbel, pois o que non sucedeu non cremos á lixeira que sexa posíbel, mais o que sucedeu evidentemente é posíbel, pois non tería sucedido se fose imposíbel”. Neste sentido, Aristóteles vincula verosimilitude a posibilidade, e polo tanto, a mestría na realización de argumentos virá dada pola capacidade do dramaturgo para converter en posíbel a orde de acontecementos tal como quere amosala. Para isto empregará a causalidade como estrutura básica e imprescindíbel para a identificación co heroe, mais esa causalidade virá en certa maneira forzada pola súa habelencia para situar os acontecementos onde conveña co fin de xerar os efectos de sorpresa, recoñecemento, etc., que finalmente conducirán á catarse.

O concepto de verosimilitude foi obxecto dun proceso de contaminación incesante desde o século XVI, coa recuperación do texto aristotélico e o seu regreso ao canon poético, a través de lecturas nas que, inevitabelmente, se filtraban conceptos anteriores coma o de decoro ou a propia orde moral da mímese cristiá. Deste xeito, a súa condición como noción derivada estritamente da estrutura interna da acción determinada polo argumento foi externalizándose, de xeito que aquela posibilidade aristotélica que dependía da lóxica argumental e da capacidade do dramaturgo para facer críbel a orde de acontecementos, pasou a depender dunha lóxica natural determinada por un horizonte de expectativas externo á obra e de carácter complexo e heteroxéneo, mestura da tradición estética e a súa determinación das posibilidades artísticas, do decoro moral e mesmo da crenza. Baste como exemplo a famosa querela do Cid, debate arredor da Traxicomedia do Cid de Corneille (1637) pola consideración do seu argumento como inverosímil e indecoroso, basicamente a causa do personaxe de Ximena, que rompería a promesa de non casar co asasino do seu pai e deixaría vencer o seu amor polo Cid.

O xiro externo do concepto de verosimilitude que se produce no Clasicismo é esencial para comprender os fundamentos teóricos do crecente realismo que, a partir do XVII, irrompe no panorama escénico para adaptar o concepto fundamental da teoría aristotélica vixente no canon á necesidade verista que impuña a súa interpretación. Se a credibilidade da mímese escénica xa non depende do argumento senón da estrita semellanza co mundo (e non coas accións dos personaxes, como dicía Aristóteles), faise necesario un teatro que insista na semellanza paradoxal entre escena e realidade, de aí a reflexión de Diderot no Paradoxo do actor e de aí, tamén, a gran reflexión sobre o naturalismo no teatro realizada por Émile Zola en 1880.

Será a mediados do século XX cando o neoaristotelismo (Northrop Frye) e mais a teoría dos mundos posíbeis volvan situar nos termos estritos da Poética a reflexión sobre o concepto de verosimilitude volvéndoo á lóxica aristotélica dunha unidade de acción dependente da habelencia artística na construción de argumentos, e non na capacidade do teatro para imitar o mundo con exactitude.

 

Para saber máis: Aristóteles (2007) Poética. (Introdución, tradución e notas de Fernando González Muñoz), A Coruña, Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor – Universidade da Coruña; Doležel, Lubomír (1997) Historia breve de la poética, Madrid, Síntesis; Eco, Umberto (1993) “Estructuras de mundos”, en Lector in fabula. La cooperación interpretativa en el texto narrativo, Barcelona, Lumen, páxs. 172-244.

Relacionado con