Aristóteles explica no capítulo VI da súa Poética que a traxedia leva a cabo a imitación actuando. Nesa actuación, el contempla tres partes formais que serían o deseño do espectáculo, a composición musical e a expresión, que logo define como “composición dos versos”. Logo referirase a ela no capítulo XIX, canda o “pensamento” (e obviando totalmente os outros dous elementos formais que enumerara ao comezo, a saber espectáculo e composición musical), e explica como relativas á expresión cuestións de entoación que teñen que ver co axustamento da dicción interpretativa á intención formal do texto. Estes elementos, sinala Aristóteles, non son propios da arte poética, pois serían estudados noutras disciplinas coma a orthoépeia, no caso da expresión, e a Retórica, no caso do pensamento.
Aristóteles dedica un espazo non banal na súa Poética a reflexionar sobre diversas cuestións vencelladas coa expresión. Así, estabelece e define as partes da expresión (elemento, sílaba, ligamento, nome, verbo, articulación e enunciado) e fala, no capítulo XXII, da “excelencia na expresión”, que debe ser “clara e non baixa”, marcando deste xeito unha importante marca de estilo na linguaxe tráxica a respecto doutras fórmulas expresivas “baixas” ou “comúns”.