Fatum – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Fatum

Categoría:
  1. É un dos elementos do tráxico, vencellado á noción de destino ou fatalidade, isto é, a inevitabilidade que, segundo Aristóteles, viría determinada polas leis causais do argumento. Cando o fatum comparece, faino a través da intervención divina, conducindo o heroe á perdición inevitábel que conleva, xustamente, esa fatalidade, e que vén determinada, ademais, polo carácter e o pensamento do heroe e mais polas intervencións doutros personaxes. Para Aristóteles, o destino tráxico ou fatum vén vinculado á idea de hamartía (erro de coñecemento ou falta de cálculo que dan lugar a un cambio na fortuna) que desencadea a orde de relacións entre as decisións do heroe e o seu desenlace. Durante o período clasicista, o fatum ou destino estará vencellado ao decoro moral e mesmo ao determinismo social.
  1. É a deidade ou deidades que personifican o Destino na mitoloxía romana, pero por extensión, pasou a designar a súa palabra e, por tanto, o irremediábel.

 

 

Relacionado con