Obstinación ou arrogancia do heroe que o leva a unha situación funesta.
Malia a advertencia dos deuses ou do coro, o heroe persiste na súa teimosía e na súa desmesura e, deste xeito, na traxedia grega, este efecto dramático conducirá ao personaxe a unha situación desastrosa que ademais pode conlevar a vinganza dos deuses por non ter considerado o heroe os seus avisos.
Existe unha nómina moi relevante de personaxes mitolóxicos gregos castigados pola súa hybris, como Edipo, Agamenón, Prometeo, Creonte, Casandra, etc. Este concepto está relacionado co destino e coa condición social dos personaxes mais, con todo, os deuses sempre castigarán a quen ambiciona máis do que lle foi concedido, como expresa Heródoto nunha pasaxe da súa Historia: “Podes observar como a divindade fulmina cos seus raios os seres que sobresaen demasiado, sen permitir que se vanaglorien da súa condición; por outro lado, os pequenos non espertan as súas iras. Podes observar tamén como sempre lanza os seus dardos desde o ceo contra os maiores edificios e as árbores máis altas, pois a divindade tende a abater todo o que desprende en demasía”.