Movemento teatral levado a cabo por diversos grupos con vontade de exercicio profesional ao longo de toda a xeografía do Estado español entre a década dos 60 e dos 80 do século XX.
As inquedanzas e os impulsos deste movemento están motivados principalmente pola oposición ás compañías de teatro comercial imperantes nas campañas de difusión teatral franquista, instaladas en estéticas e argumentos conservadores, costumistas ou folclorizantes.
Alberto Fernández Torres apunta que o teatro independente buscaba “Pór en práctica un teatro popular quizais non moi claramente definido, desde logo, pero houbo tamén no seu seo iniciativas de teatro de vangarda. Levaron o teatro a lugares que carecían del e a espazos non convencionais, pero non rexeitaron, e incluso procuraron con empeño, enfrontarse a públicos máis habituados e en locais ao uso. Optaron pola itinerancia para chegar a novos públicos, pero debateron amplamente e mesmo puxeron en marcha proxectos de estabilidade. Moitos, quizais a maioría, tenderon a primar a creación colectiva, e case todos preferiron facer dramaturxias moi propias, pero tamén houbo grupos que traballaron con algúns dos autores españois contemporáneos”. Ademais, o mesmo autor tamén apunta que estes grupos propiciaron o desenvolvemento dos usos e da normalización lingüística de todas as linguas do estado, o uso de materiais diversos e alternativos derivados da súa escaseza de recursos e da teatralización de espazos non convencionais, o estabelecemento de relacións directas co público no transcurso das representacións, a posta en práctica de iniciativas de xestión nunca antes coñecidas (como foi o caso da organización de actividades por parte de Asociacións Culturais como Abrente en Ribadavia), o impulso de festivais e encontros ou a difusión fóra do ámbito centralista. A estas característica e no marco do compromiso ético e estético destes grupos, a profesora Cilha Lourenço apunta que a preocupación central tamén foi “seguindo un principio marxista, conseguir a propiedade dos medios de produción (local, transporte, indumentaria, atrezzo, focos) para así garantir a independecia económica e, en consecuencia, creativa”.
Algúns dos grupos máis significativos dese movemento foron Los Goliardos e Tábano de Madrid, Els Joglars e Comediants de Cataluña, Antroido e Teatro Circo de Galicia ou La Cuadra e Esperpento de Andalucía, entre outros.