Circo – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Circo

Categoría:
  1. Espectáculo tradicionalmente baseado na exposición de diversos números de risco e habilidade, humor e doma de animais.
  2. Edificio ou carpa con gradas e unha parte central circular ou area para a representación de diversos números de malabarismo, acrobacias, equilibrismo, números de pallasos, feras e outros diversos números.
  3. Na Antiga Roma, estrutura ao aire libre de grandes dimensións, normalmente en forma ovalada e cunha parte central ou espiña, en cuxos laterais podería haber un contador para as carreiras de  cuadrigas ou calquera outra competición. Un dos máis famosos foi o Circus Maximus, con capacidade para cento cincuenta mil espectadores.

Exipto e China son os países con máis longa tradición nesta arte escénica, con grandes referentes coma Sun Fuyou, pai do circo chinés ou as imaxes atopadas na tumba de Ben Hassan, do ano 2040 a.C., aproximadamente. Pero en Occidente, dende a Idade Media, podemos falar do que se consideran antecedentes do circo moderno: artistas ambulantes, xograres, malabaristas, bufóns, vendedores, pallasos, etc. Estes artistas polifacéticos que fuxían da peste e da fame, das guerras e da miseria, chegaron a exporse de tal xeito, que a súa única obriga era coa arte, coa supervivencia e co divertimento. A exhibición de rarezas, deformacións e elementos extraordinarios da natureza tamén está emparentada con esta arte: mulleres barbudas, forzudos, animais con dúas cabezas, ananos, etc. A commedia dell’arte supón unha clara influencia na compañía de Los Hermanos Buratines e outras manifestacións coma o charivari do século XIV, esa procesión barullenta nas nupcias dun viúvo, pode emparentarse co guirigai, a festa de todos os artistas na pista. A aceptación social de todos estas xentes que interveñen na rúa coas súas artes e rarezas, pode exemplificarse con diversos documentos e feitos en varios estratos da sociedade e en distintas épocas, dende a Antiga Roma, onde os tolos eran considerados coma un vínculo cos deuses, ata o respecto que na Corte dos Austria tiñan pola figura do bufón, quen era convidado para informar sobre a opinión do pobo sobre o seu monarca ou para ser retratado ao seu lado e, dese xeito, por contraste, salientar a beleza ou gallardía da nobreza se estas características eran máis ben escasas.

Pero será a fins do S.XVIII cando todos estes antecedentes dean paso ao nacemento do circo moderno en Inglaterra, da man dun antigo militar oficial de cabalaría convertido en empresario, Philip Astley. Astley funda un circo ecuestre ao aire libre ao ver as posibilidades de negocio que pode ter a exhibición da doma e desfile de cabalos. Foi un hábil empresario, ademais dun notábel comunicador, un pioneiro á hora de reunir nun lugar estábel estas actividades de entretemento, risa e habilidade, ata o momento dispersas e desorganizadas. Foi o primeiro en cobrar entrada sen pasar a gorra e introduciu a iluminación para facer dúas funcións nunha mesma xornada. O seu Astley’s Royal Amphitheater Arts tiña 13 metros de diámetro nunha pista que reunía varias escenas cómicas e fogos artificiais, con números moi orixinais coma o xinete apicultor rodeado de avellas. Era el mesmo quen se encargaba de promocionar o seu negocio desfilando polas rúas de Londres, mais quen se converteu nunha verdadeira estrela foi o seu fillo John, quen namoraría da raíña María Antonieta en Francia e contribuiría á rápida expansión desta actividade en París.

A Astley pronto lle aparecería unha forte competencia, pois tamén no desenvolvemento do circo moderno e dos seus espazos de exhibición veremos os síntomas da Revolución Industrial. Xa a finais do XVIII, Charles Hughes funda o Royal Circus. Veremos que pronto aparecen luxosas infraestruturas de pedra, ferro e columnas con estatuas e co favor dos poderosos. En 1807, Franconi funda o Circo Olímpico de París, onde introduce escenas históricas extraídas de diversos episodios coma a Toma da Bastilla, canda a capítulos de actualidade ou fontes literarias coma O Quixote. As súas eran custosas montaxes a nivel de produción, acompañadas de pirotecnia. En Francia temos grandes referentes destes edificios estábeis que son verdadeiras iconas de Revolución Industrial e que converterán co tempo a París na capital do circo, como representou nas súas pinturas Toulouse Lautrec. Louis Dejean, un antigo carniceiro reconvertido en especulador inmobiliario será un dos artífices, cando merca o circo Olímpico aproveitando a mala xestión e os problemas cos incendios, para inaugurar a mediados do S. XIX o Cirque d’Hiver e converter a París nun referente do circo nesta época histórica.

Tamén debemos considerar a moda das ménageries, que influíu en boa medida no desenvolvemento do circo moderno e nas súas variantes por todo o mundo: ambulante (nos Estados unidos mesmo a través de liñas de ferrocarril), estábel, de carpa, con animais, etc. As ménageries eran especie de zoolóxicos ou casas de feras ambulantes que percorrían Europa mostrando exóticas e terríbeis feras ao longo do S. XVIII. A súa época dourada foi o S. XIX, apoiada polo expansivo imperio colonial británico e polo gusto dun público afeccionado aos relatos xeográficos.

Nos anos 60 do século XX o circo moderno occidental sofre unha crise, xunto cos movementos de protesta, reivindicación do dereito dos animais, loita anticapitalista, etc. Cinguido ás artes de rúa e ao movemento de renovación do teatro físico, aparecerá o que as persoas estudosas desta arte denominaron “novo circo” ou circo posmoderno. Estes serían os seus tres aspectos recorrentes fundamentais, en consonancia coas consideracións de Raúl Eguizábal:

– A visualidade. A luz, a cor, a composición visual con traxes espectaculares e grandes números aéreos, por exemplo, mininimizan e extinguen dous elementos que foron constantes no circo da primeira metade do S. XX, que foron os pallasos charlatáns e o protagonismo do xefe de pista.

-A unidade conceptual. A través de tres elementos, fundamentalmente o fío argumental de todo o espectáculo, a integración musical que implica un motivo ou composición en troques de que cada número leve a súa propia música moitas veces contraposta, e o emprego de certos personaxes a través de toda a obra como nexo de unión.

– A combinación de todas as artes escénicas nun único espectáculo. A capacidade de hibridación de danza, teatro, música, circo, artes plásticas, etc., fan que desapareza a simple colección de destrezas ximnásticas.

Algunhas das compañías máis recoñecidas nesta nova etapa do circo son Cirque du Soleil, Archaos, Cirque Eloize, Circ Cric. En Galicia desataca a compañía de novo circo Pistacatro.

Relacionado con