Capital – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Capital

Categoría:
  1. Cantidade económica acumulada.
  2. Valor acumulábel que serve para intercambiarse na esfera pública e, concretamente no que atinxe aos campos culturais, no mercado de bens simbólicos.

O concepto de capital, procedente da teoría marxista, foi aplicado aos estudos culturais coa intención de explicar os procedementos para o reparto do prestixio e o valor, esenciais na teoría sobre o canon e na análise das dinámicas sistémicas de institucionalización e consumo cultural.

En 1986 e con motivo da súa proposta de revisión do concepto tradicional de “clase social” a través do impacto da cultura na mesma, Pierre Bourdieu falou da existencia de tres tipos de capital que comparecen nas dinámicas de produción e consumo artístico: capital económico, capital cultural e capital social. Para Bourdieu, o capital é “valor acumulado”, pero tamén é unha forma de “enerxía social” que posibilita a acción na esfera pública, e por iso é tanto “forza” (vis) coma “lei” (lex), xa que implica un dinamismo que se institucionaliza para determinar as regras do xogo no campo cultural.

O capital económico é a acumulación de diñeiro ou valor financeiro, e é esencial para situar os produtos no mercado e para garantir tanto acceso aos mesmos por parte dos consumidores, coma, en consecuencia, a posibilidade de que os artistas poidan facer da súa arte (as artes escénicas, neste caso) o seu modus vivendi.

O capital cultural, é a acumulación de información e coñecementos vinculados coa doxa cultural, unha información indispensábel para poder actuar no campo cultural e, concretamente, no sistema das artes escénicas. Vencellado ao concepto de “enciclopedia” formulado por Umberto Eco, o capital cultural segundo o define Bourdieu non só ten que ver coa acumulación de coñecementos e conceptos vinculados con iso que se denomina “cultura”, senón que ten que ver co concepto de habitus na medida en que tamén incorpora o coñecemento sobre as formas de actuación e comportamento no campo artístico, os seus sistemas de valoración e as fórmulas para o reparto do prestixio.

O capital social, por último, é o conxunto de recursos que entran en xogo nas redes sociais de axentes do campo e as súas organizacións. Por iso, o volume de capital social que posúe un determinado axente depende do tamaño da rede de conexións que pode mobilizar e do volume de capital (económico, cultural ou simbólico) que é capaz de tirar daqueles cos que está conectado.

En 1987, Pierre Bourdieu aínda volve sobre a súa teoría dos capitais e engade unha cuarta forma, o capital simbólico, noción á que se tiña referido en múltiples ocasións con anterioridade mais sen aportar unha definición concreta. Neste caso, Bourdieu vencella explicitamente capital e poder, e neste sentido comparece o capital simbólico como a forma asumida polos outros tipos de capital (sobre todo o social) para lograr a lexitimidade e o recoñecemento da persoa que o acumula, outorgándolle así poder para intervir nas dinámicas do campo. Por tanto, é o capital simbólico o que ten que ver cos procesos de canonización e coa capacidade institucional dalgúns axentes.

 

Relacionado con