Artes escénicas – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Artes escénicas

Categoría:

Tamén chamadas “artes vivas”, “do espectáculo”, “ao vivo” ou “performativas”, son un conxunto de modalidades expresivas baseadas no emprego do signo escénico e caracterizadas, por tanto, polo directo como fórmula de expresión e comunicación. A exhibición do material expresivo neste tipo de artes pode estar destinada á construción dunha ficción (teatro, ópera, determinados tipos de danza…) ou ter como obxectivo a ostentación estética de fórmulas expresivas ou destrezas e habilidades (música ao vivo, maxia, circo, deportes artísticos).

A tipoloxía das artes escénicas depende tamén dos signos sobre os que se deposita esencial ou maioritariamente a expresión. Serán criterios para a súa descrición e estudo, daquela, a maior ou menor importancia significativa da música, por exemplo, ou do movemento expresivo, a voz falada ou a voz cantada, ou a presenza ou ausencia de persoas actuantes. Xorde así a clasificación dos distintos xéneros escénicos como materializacións históricas das diversas opcións expresivas (teatro-circo, concerto, ballet, ópera, zarzuela, comedia de maxia, music hall, variétés, happening, teatro de texto, teatro físico, teatro con obxectos, etc.).

Relacionado con