Loa – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Loa

Categoría:

Especie de prólogo ou preludio dunha representación escénica empregada para estabelecer un contacto co espectador e captar a súa benevolencia con respecto a aquilo que vai observar. Nos séculos XVI e XVII tamén podían servir para explicar o argumento da peza e nalgún caso puido servir de instrumento para gabar a unha certa personalidade ilustre ou para festexar un determinado acontecemento histórico e social.

A profesora Grillo Torres apunta as seguintes notas que a definen:

  • Ten como finalidade preparar o público para unha boa acollida do que van ver.
  • Sempre antecede á obra principal a modo de prólogo.
  • Non a escribía, xeralmente, o dramaturgo da comedia á que precedía, e non está incluída na edición da obra á que acompañou, debido á finalidade anteriormente citada.
  • É dependente da obra á que antecede, precisamente pola súa finalidade. Non tería sentido a representación dunha loa por si mesma, posto que o seu contido temático está en relación con circunstancias inmediatas ou coa obra maior.
  • É unha apelación ao público, polo que ten un carácter antiilusionista, o que a exclúe de certas dramaturxias. Así, o teatro naturalista non conta con ela, pois a loa sempre suxire teatralidade.

Igualmente, tamén apunta os distintos tipos de loas dependendo do contido temático: relixiosas, sacramentais ou alegóricas, para festas cortesás, para casa particulares e de representación da compañía para pedir atención ao público informando das virtudes e traxectoria da compañía.

Relacionado con