Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Eccyclema

Elemento escenotécnico utilizado no teatro grego antigo para producir determinados efectos visuais ou dramatúrxicos. Era unha plataforma con rodas, de madeira e con capacidade para soportar o peso de unha ou dúas persoas.

Efecto de realidade

Vid. Ilusión

Emisión implícita

Concepto teórico que sería correlativo ao de recepción implícita.

Empresa teatral

Entidade para a produción de espectáculos teatrais ou escénicos.

Entremés

Xénero dramático cómico breve da época renacentista e barroca, que normalmente se intercalaba entre dúas xornadas dunha comedia para divertir o público coa súa intención burlesca. Na creación literario-dramática hispánica, considérase o que Lope de Rueda definiu como “paso” o precursor do entremés.

Enunciación dramática

Acción de producir a mensaxe do drama ou texto dramático.

Enunciación escénica

Acción de producir a mensaxe da posta en escena así coma os mecanismos compositivos necesarios para que se produza tanto o proceso de semiose coma a súa interpretación por parte do público. A característica fundamental da enunciación escénica é a súa diversidade e complexidade vencellada ao carácter múltiple e simultáneo dos signos escénicos e á presenza de múltiples fontes de emisión para efectualos.

Épico, Teatro

Fórmula pola que é coñecida a proposta teatral de Bertold Brecht, de contido marcadamente antiaristotélico.

Epílogo

Parte final dunha obra que pode servir de resumo, recapitulación ou conclusión da mesma.

Episodio

1. Na Poética de Aristóteles, defínese como aquela parte dialogada que se atopa entre cantos completos do coro.
2. Trama paralela á principal ou unha das partes das que se compón a intriga dunha obra dramática.

Epización

Procedemento propio do teatro occidental a partir da segunda metade do século XIX polo cal foron abandonándose progresivamente algunhas das estruturas dramáticas máis características para introducir no drama estruturas propias da épica.

Escenificación

Vid. Posta en escena  

Escenoloxía

Disciplina que estuda a posta en escena.

Escolar, teatro

Modalidade do teatro amador ou afeccionado realizado por rapaces e rapazas nos seus centros de ensino. Por extensión, ás veces denomínase así ao teatro non profesional feito por nenos e nenas fóra da escola.

Escrita escénica

Tarefa destinada a encarnar e facer visíbeis e ostensíbeis os personaxes, os contextos e/ou as accións que transcorren enriba dun escenario.

Espazo ausente

Vid. Espazo dramático  

Espazo baleiro

Espazo escénico que practicamente non contén escenografía e que logra xerar a ficción espacial a través de moi poucos elementos ou exclusivamente a través da presenza visíbel das figuras.

Espazo diexético

Lugar ou lugares nos que se sitúa a historia ou fábula e nos que acontecen as accións dos personaxes.

Espazo dramático

Estruturación espacial a través da cal o drama organiza e distribúe o espazo ou espazos diexéticos co fin de seren significados a través do espazo escénico.

Espazo escénico

Área ou lugar onde acontece a acción representada e que xera todos os significados espaciais necesarios para localizar a fábula.

Espazo latente

Vid. Espazo dramático

Espazo múltiple

Vid. Espazo dramático

Espazo patente

Vid. Espazo dramático

Espazo simultáneo

Vid. Espazo dramático

Espazo sucesivo

Vid. Espazo dramático

Espectáculo

Forma de exhibición que, na súa modalidade artística, dá lugar aos distintos tipos de artes escénicas ou da representación: teatro, danza, ópera, circo, etc. Tamén son espectáculos, pero non artes escénicas, as actividades que implican a copresenza dun público que observa unha acción exhibida (deportes, ritos, accións colectivas, etc.).

Espectadora ou Espectador implícita

Vid. Recepción implícita

Espectadora, Espectador

Cada unha das persoas que participan na recepción escénica.

Esperpento

Xénero dramático cuxa autoría se atribúe a Valle-Inclán e no que se combinan elementos cómicos e tráxicos nunha visión deformada da realidade, con aspectos grotescos e absurdos, que nos presentan a animalización do ser humano, rexistros e xirias ao servizo dunha visión crítica, cínica ou degradada da sociedade.

Estaribel

Plataforma elevada para realizar unha representación na rúa ou nun espazo público.