Enunciación escénica – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Enunciación escénica

Categoría:

Acción de producir a mensaxe da posta en escena así coma os mecanismos compositivos necesarios para que se produza tanto o proceso de semiose coma a súa interpretación por parte do público. A característica fundamental da enunciación escénica é a súa diversidade e complexidade vencellada ao carácter múltiple e simultáneo dos signos escénicos e á presenza de múltiples fontes de emisión para efectualos.

Desde un punto de vista teórico, a complexidade da enunciación escénica radica na determinación do seu suxeito, isto é a responsabilidade última da elaboración de todo o discurso da posta en escena, entendo este, tal como o define Patrice Pavis, coma a “organización de materiais textuais e escénicos segundo un ritmo e unha interdependencia propias do espectáculo posto en escena”, unha organización realizada en virtude dunha intención semántica de conxunto e mais dunha consideración comunicativa que ten en conta un modelo de lectura ou audiencia implícita. Tanto a intención semántica coma o modelo de lectura condicionarán a enunciación e determinarán a actividade do suxeito da mesma.

A emisión da posta en escena, en sentido estrito, é múltiple, pois o carácter icónico do signo teatral e a copresencialidade da comunicación escénica obrigan a que haxa diversos responsábeis da emisión de cada un deses signos. Neste sentido, Anne Ubersfeld falou da “emisión múltiple” como característica fundamental da enunciación teatral, aínda que, en última instancia, ela responsabilizaría da enunciación mensaxe total da posta en escena ao autor ou escritor do texto dramático. As críticas a esta lectura foron varias, destacando no noso entorno a opinión de Anxo Abuín, que atribúe a responsabilidade do discurso escénico ao director ou directora de escena. A dirección de escena, polo tanto, é o suxeito unificador do significado final e coordinador da semiose múltiple ao servizo dun modelo de lectura derivado da hermeneuse de toda a mensaxe escénica, coa súa evolución no tempo da representación incluída.

Pola súa banda, Tadeusz Kowzan propuxo unha clasificación do signo escénico na que se contempla dúas opcións atendendo á natureza e procedencia da enunciación (en segunda instancia): aqueles signos emitidos polo actor ou actriz e aqueles emitidos por outros axentes diferentes do actor ou actriz. Desde este punto de vista, e tal como salienta Patrice Pavis, o discurso escénico contempla dous niveis enunciativos, os “discursos individuais dos personaxes” e o “discurso totalizador” que aquí atribuímos ao director de escena e a súa equipa técnica. No primeiro nivel, a enunciación emprega iconicamente os signos lingüísticos, de xeito que se dá nela unha mimetización artística da enunciación lingüística que forma parte da comunicación humana. No segundo nivel, en cambio, a enunciación é especificamente teatral, xa que nela se constrúe a mensaxe a través da utilización artística dos signos da posta en escena, en usos que poden ser miméticos ou non.

Non debe confundirse coa enunciación dramática.

 

Relacionado con