Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Acción

Categoría:

Conxunto de acontecementos que amosados en escena, constitúen tanto as transformacións lóxicas dos personaxes, coma as actividades das figuras ou actantes diferenciadas entre si.

Na Poética aristotélica, a acción é consubstancial á teatralidade, debido a que o teatro implica a mímese das accións humanas organizadas a través de argumentos específicos que deberán respectar a súa unidade, isto é, a interconexión dos distintos feitos que constitúen a acción relatada en virtude dos criterios de necesidade e verosimilitude. Para Aristóteles, acción implica cambio ou crise, e esa sucesión de crises do heroe constitúen o cerne do drama. É por isto polo que o Estaxirita emprega o obxecto da mímese como criterio de clasificación das obras poéticas, xa que o tipo de personaxe elixido virá determinado pola grandeza ou pequenez das súas accións, que son as que verdadeiramente o definen como heroe ou non. Polo tanto, a construción do argumento vén determinada pola disposición dos cambios ou crises que implican a acción, así coma os acontecementos ou persoas que os provocan. É deste xeito como se amosa no decorrer da fábula a condición tráxica (ou non) do heroe.

Debido a este vínculo entre acción e crise, habitualmente se salienta o valor transformador da acción coma elemento de paso lóxico dunha situación a outra. Nese cambio radica a propia idea de traxedia (a través do par destino-albedrío), convertendo a acción en medio e fin, xa que, se para Aristóteles o teatro é mímese de accións, non é menos certo que os medios para lograr este fin tamén son accións amosadas a través da posta en escena (palabra, ritmo e harmonía ou o que Aristóteles identifica con “espectáculo”). Deste xeito, a iconicidade do signo escénico (desde os signos do actor aos da escenografía) se fai imprescindíbel para converter os significantes en entidades actuantes, capaces de xerar accións a través da súa presenza en escena que, en última instancia, remite sempre á idea de facer (noción presente na etimoloxía da palabra “drama”).

A teoría dramática ten estabelecido distintos tipos de acción dependendo das formas e matices na estruturación dos feitos que a constitúen no argumento. Así, atendendo á intensidade rítmica da sucesión de acontecementos, pode ser ascendente ou descendente, respectivamente, dependendo de se a crise se resolve en catástrofe dun xeito cada vez máis rápido, ou se se, sen darse un incremento do ritmo coma no caso anterior, se resolve nun punto culminante. Atendendo á súa relevancia para a fábula, pode ser principal (central) ou secundaria (accesoria). Atendendo á súa modalización, pode ser representada directamente (posta en escena) ou relatada (a través de mecanismos semiolóxicos para este fin, como por exemplo a narración, a proxección, o mimo, etc.). E finalmente, atendendo ao tipo de final, pode ser pechada (sen opción de causar máis acontecementos) ou aberta (con opción de causar máis acontecementos e, por tanto, dar continuidade ao argumento).

Nos casos nos que non podemos falar da existencia dun argumento en sentido aristotélico (posdrama, teatro da crueldade, absurdo) a acción terá que ver coas actividades desenvolvidas en escena polas figuras ou actantes, e a idea de cambio virá dada pola sucesión diferenciada desas distintas actividades ou acontecementos, dispostos ritmicamente a través da posta en escena e integrando igualmente a noción de cambio, mais un cambio que se xustifica fóra do principio lóxico que rexe a noción de argumento.

Relacionado con