Personaxe – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Personaxe

Categoría:

Figura ou entidade ficcional que desenvolve as accións do drama e de cuxa presenza depende a progresión do argumento.

Procede do termo latino persona co significado de “máscara”, vocábulo que se empregaba para traducir o concepto grego de actor no teatro e que, co tempo, acabaría invertendo o seu sentido para referirse ao do rol no drama, o que Aristóteles denominaba “obxecto” da mímese escénica. Desde este punto de vista, e tendo en conta que a mímese aristotélica ten que ver coa imitación das accións das persoas, o personaxe implica unha función argumental (o motor da acción, o actante) e non tería que estar representado necesariamente por seres humanos, aínda que a noción de suxeito de accións, finalmente, remite ás capacidades humanas do personaxe, sexa este unha persoa ou calquera outra entidade personificada, procedemento fundamental para lograr un dos obxectivos prioritarios da dramática aristotélica: a identificación. A identificación, xustamente, dependerá da comprensión definitiva das motivacións das accións dos personaxes no seu argumento, e non do seu carácter, que, para Aristóteles, é a noción que permite dicir como son e que características os definen a partir das súas accións e non independentemente delas. Esa polaridade entre personaxe como entidade ficcional e carácter como fórmula que o define está presente ao longo de toda a historia do teatro, e non son poucas as épocas en que a opción dramatúrxica recae sobre un teatro de accións (teatro isabelino) ou un teatro de caracteres que se definen á marxe do que fan (teatro clásico francés).

O personaxe preséntase en escena a través dun procedemento semiótico ostensivo polo cal a persoa que o interpreta emprega a súa presenza iconicamente para remitir a outra entidade que xa non é esa persoa, senón a figura creada para o desenvolvemento do argumento que se representa. Velaí o mecanismo semiótico que explica a arte da interpretación. A relación entre actor ou actriz e personaxe implica o procedemento para converterse, ante os ollos do público, en signo escénico a través dun proceso de artificialización que desposúe o intérprete en escena da súa condición de persoa real fóra dela. Asemade, trátase dunha das primeiras convencións da posta en escena e a miúdo o mecanismo fundamental para xerar efecto de realidade ou, en termos máis concretos, efecto de persoa.

Debido a esta relación entre personaxe e argumento, preferimos non empregar este termo para as figuras que se presentan no teatro non dramático.

 

Relacionado con