Máscara – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Máscara

Categoría:

Prótese elaborada mediante diversos materiais segundo a época, como madeira, pasta de liño, pasta de papel ou plástico, que oculta total ou parcialmente a faciana da persoa que a leva.

A máscara aparece periodicamente en toda a Historia do Teatro con diversas funcións, entre as que Patrice Pavis sinala catro fundamentais: o disfrace, a neutralización da mímica, a non-ilusión ou distanciamento e a estilización e amplificación da fisionomía humana e a voz.

A máscara como disfrace debe ser vinculada a fórmulas de construción do personaxe que procuran o ocultamento da identidade do actor ou actriz, a miúdo na procura do estereotipo ou do arquetipo, como acontece na Commedia dell’Arte, no teatro no ou no teatro grego. Neste último, alén dunha función amplificadora da voz do actor grazas á presenza de resoadores na zona da boca, as máscaras eran diferentes para a traxedia e a comedia (nesta última tiñan próteses capilares no onkos), e, desde o século IV a. C., farían referencia á risa ou á seriedade, servindo así para multiplicar os papeis desempeñados por un só actor.

A función como neutralizadora da mímica, contribúe a renunciar “voluntariamente á expresión psicolóxica” trasladando á interpretación física e xestual boa parte dos elementos de significación. Atopamos aquí técnicas interpretativas coma a máscara neutra ou o aproveitamento expresivo da semi-máscara, que investigaron de xeito semellante teóricos de comezos do século XX coma Vsevolod Meyerhold ou Edward Gordon Craig.

O efecto distanciador da máscara xorde da introdución dun corpo estraño que impide a persoa espectadora se identifique con quen interpreta, como acontece no teatro épico.

Finalmente, os usos estilizadores aparecen alí onde a deformación da fisionomía humana teñen utilidades estéticas, como acontece, a miúdo apoiada por prolongacións da máscara coma a maquillaxe, en fórmulas expresionistas e/ou farsescas. Nesta liña estilizadora, non afastada de elementos de distanciamento, cómpre situar o uso da “careta” que propón Castelao en Os vellos non deben de namorarse, como demostra Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Relacionado con