Máscara empregada con fins pedagóxicos, que anula a expresividade facial e produce un estado neutro para fomentar a expresividade corporal.
As que empregou o director e formador de actores Jacques Lecoq eran de coiro, deseñadas por Amleto Sartori, pero as que normalmente se empregan para os exercicios de adestramento están realizadas con papel maché. A metodoloxía de Lecoq botou man deste tipo de máscaras para desenvolver un tipo de teatro que criticaba o cabotinage e alegaba unha nova proposta teatral baseada na sinxeleza e sinceridade, empregando o corpo como eixe da expresión dramática, entendendo o teatro como unha arte para ser realizada e vivida en comunidade e redescubrindo as formas do teatro popular.
En palabras de Lecoq: “A máscara neutra acrecenta esencialmente a presenza do actor no espazo que o circunda. Sitúao nun estado de descubrimento, de apertura, de dispoñibilidade para recibir. Permítelle mirar, oír, sentir, tocar as cousas elementais, coa frescura da primeira vez.” E engade: “Traballar o movemento a partir do neutro proporciona os puntos de apoio esenciais para a actuación, que chegará despois. Porque cando coñece o equilibrio, o actor expresa moito mellor os desequilibrios dos personaxes e dos conflitos.”