Mascarada – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mascarada

Categoría:

Entretemento teatral do século XVI en Inglaterra, que deriva dos espectáculos cortesáns do Renacemento italiano e nos cales participaban os propios monarcas disfrazados en suntuosas festas nas salas de baile do palacio.

Desde finais da época isabelina e cos Estuardo, así coma no período xacobino, estes espectáculos contaron cun gran artificio escénico no que participaron o poeta e dramaturgo Ben Jonson e o escenógrafo Inigo Jones, que tamén deseñou a indumentaria con elementos tópicos coma o casco con plumas ou o torso heroico da armadura. Realizábanse con motivo dunha visita real, dunha coroación ou algún outro evento festivo.

A maquillaxe ou as máscaras, as teas pintadas e os avances da maquinaria escénica e da perspectiva italiana foron empregados nestas pezas que mesturaban pantomima con danzas e texto, normalmente de carácter alegórico. Tiveron unha notábel influencia tamén nos ballets cortesáns da Francia de Luis XIV.

Relacionado con