Na época medieval, os espectáculos divídense en dous tipos fundamentais: o teatro relixioso e o teatro profano. Na primeira parte podemos atopar representacións de tropos ou diálogos da Biblia no interior das igrexas, como por exemplo o Quem quaeritis?, o drama litúrxico máis antigo que se coñece despois da caída do Imperio Romano e da desaparición da actividade teatral da esfera pública; representacións alegóricas das virtudes nas mansións ou escenarios compostos por varios tablados, algúns deles como a boca do inferno moi espectaculares; moralidades, milagres, misterios ou autos. No segundo tipo son frecuentes as farsas, sermóns, églogas e en Francia as soties, pezas teloneiras de misterios e moralidades que empregan o personaxe do bobo para realizar unha comedia satírica e tópica. Tamén as danzas macabras e os comediantes da legua, ao igual que os trobadores e mimos poboan cos seus panos e estaribeis as rúas deste período histórico.
Para a supervisión dos espectáculos, en Francia e en Inglaterra, existiron dúas figuras cuxas función poderían ser consideradas como un antecedente da figura do director de escena. Trátase do “mestre da representación”, chamado en Francia era o maître de jeu e en Inglaterra o book-keeper. Acostumaba ser un crego e entre as súas funcións estaban:
As escenografías podían ser de diversa magnitude, dende as plataformas a dereita e esquerda da fachada das igrexas, representando o ceo con flores aromáticas e árbores e o inferno, ata os escenarios circulares ou o escenario simultáneo con varios taboados ou mansións para que o público fose seguindo a representación. Tamén podía haber escenarios con distintos niveis, e as representacións no interior das igrexas mantéñense, algunhas como patrimonio inmaterial até os nosos días, como o Misterio de Elxe, onde as escenas se articulan en dous planos, o horizontal para o ambiente terrestre e o vertical celeste, característico do teatro medieval.