Xénero literario dramático que que nace no século XVIII, moi do gusto da burguesía e que ten un gran éxito ata ben entrado o século XX, onde influirá nas artes cinematográficas e televisivas.
Caracterízase por tratar asuntos paixonais e esaxerados, con emprego do suspense como un dos principais recursos dramáticos. Tamén adoita conter música, pois nos seus antecedentes renacentistas era un elemento esencial.
A profesora Grillo Torres enumera as seguintes características como notas identificativas deste xénero:
- Complexidade da trama, con varios efectos e sorpresas, con alta tensión dramática.
- Crea unha atmosfera inquietante para favorecer o interese dos espectadores e a súa atención, que tamén debe estar atenta aos bruscos cambios do espazo dramático.
- Os motores da acción acostuman ser asuntos amorosos, de vinganza ou ambición.
- Os temas xiran arredor da opresión do protagonista; a loita entre virtude e mal.
- Da linguaxe ampulosa e tremendista, foi evolucionando a uns usos lingüísticos máis coloquiais.
- Personaxes tipo, planos e que responden a un determinado horizonte de expectativas do público.
- A indumentaria adoita ser importante para caracterizar os personaxes, que poden ter algunha cor local ou exotismo.
- Podía haber animais en escena, coma pombas mensaxeiras ou cans.
- Os títulos maioritariamente facían referencia ao protagonista.
- O casual e a sorpresa teñen unha grande importancia.
Relacionado con