Espazo dramático – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Espazo dramático

Categoría:

Estruturación espacial a través da cal o drama organiza e distribúe o espazo ou espazos diexéticos co fin de seren significados a través do espazo escénico. Non debe confundirse nin co espazo escénico nin co espazo diexético.

Para José Luís García Barrientos, o espazo dramático ten que ver co “encaixe” dos lugares argumentais (espazo diexético) no espazo escénico, de xeito que a persoa á que se destina a obra poida comprender a evolución da acción e dos personaxes. Neste sentido, como estrutura accesíbel a través da análise, é tamén o punto de partida para que o escenógrafo poida dar forma ao espazo escénico. O autor distingue varias estruturas básicas para a organización do espazo dramático: o espazo único (manifestándose coa chamada “unidade de lugar”) ou os espazos múltiples, que poden ser sucesivos ou simultáneos. Asemade, García Barrientos engade que os espazos dramáticos poden caracterizarse en virtude do seu grao de explicitación; así, habería espazos patentes (visíbeis), espazos latentes (que non se ven pero que forman parte do amplo espazo dramático que comprende o que se ve e o que non se ve), espazos ausentes (que só son referidos). Todos eles, en realidade, marcan unha relación dentro-fóra que se estrutura a través do tratamento da espacialidade no drama.

O espazo dramático patente é o que se amosa e onde efectivamente acontece unha obra, como sucede, por exemplo, coa praza do barrio de Saxo tenor de Roberto Vidal Bolaño (1992), onde son latentes as salas das casas dos personaxes desde onde falan nalgún momento, o interior da tenda do saxofón e mais as rúas contiguas a ese lugar central no que discorre a acción. Un exemplo de espazo dramático único témolo na obra de Raúl Dans, Lugar (1994) que acontece no apeadeiro dunha estación na que xa non pasan trens, tratada en realidade coma non lugar, e que alude aos espazos ausentes que fan parte da historia contada do pasado dos personaxes. Un espazo dramático múltiple e simultáneo témolo na adaptación teatral realizada por Sarabela Teatro en 2000 e dirixida por Ánxeles Cuña, onde, en ocasións, a multiplicidade espacial (e temporal) da novela de Manuel Rivas adaptada se resolvía nalgunhas escenas a través dunha dupla estrutura simultánea de espazos que pretendían contar partes distintas da historia (por exemplo, a casa do doutor Da Barca e o prostíbulo no que Herbal amosa o lapis do carpinteiro).


O lapis do carpinteiro
Foto: Mario García Herradón / Sarabela Teatro

Relacionado con