Caracterización – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Caracterización

Categoría:
  1. Proceso polo que se estabelece a configuración física, psíquica e emocional que define o personaxe en relación coa acción e que resulta esencial para crear a través dos personaxes o chamado “efecto de realidade”. Pode ser directa ou indirecta; no primeiro caso, trátase da descrición que o personaxe que fai de si (autocaracterización) ou a que realizan outros personaxes na maneira de referirse a el ou ela (heterocaracterización); no segundo caso, estarían todos os elementos discursivos ou da acción a través dos que o público ou as persoas que len entenden como é o personaxe.

Para Patrice Pavis, hai catro medios esenciais polos que o drama realiza a caracterización: as indicacións escénicas, o nome de lugares e de caracteres, o discurso do personaxe e os xogos escénicos e elementos non lingüísticos da súa expresión. A particularidade do teatro, é, segundo el, que “estas indicacións son evidentemente subministradas na súa totalidade polo dramaturgo, o director e o actor, pero parecen proceder dos personaxes mesmos, da súa forma de expresarse e do seu efecto de realidade”.

O actor ou a actriz traballan a interpretación, xustamente, desde o proceso de caracterización que implica unha serie de decisións vencelladas coa súa lectura do personaxe na obra, así coma as indicacións da persoa directora de escena, que decidirá que elementos da caracterización do personaxe salientan na súa proposta. Asemade, podemos falar de caracterización no caso das figuras de modalidades escénicas non dramáticas, onde a súa configuración física e psíquica a miúdo é o soporte das alusións e referencias da posta en escena.

 

  1. Disciplina vencellada co traballo escenográfico destinada a configurar visualmente o aspecto do personaxe en escena. Comprende fundamentalmente a maquillaxe e perrucaría, a posibilidade de elaboración de máscaras, a elección do vestiario e a indumentaria, elementos todos eles que expresan desde a linguaxe escenográfica a caracterización argumental do personaxe ou da figura.

 

Relacionado con