Xénero teatral medieval relixioso, cuxo argumento bebe de pasaxes das Sagradas Escrituras, mesturados con personaxes sobrenaturais coma demos ou anxos e representado en lingua vernácula.
Este espectáculo ritual e cerimonial ten a súa orixe nos diálogos dramatizados que tiñan lugar durante a celebración eucarística no interior dos templos, para logo saír diante da fachada das igrexas, onde se facía a representación con dúas tarimas a dereita e esquerda e xa finalmente na praza pública, cun grande número de actores.
Un dos misterios máis recoñecidos e que aínda se continúa representando na actualidade é o Misterio de Elxe, declarado en 2001 Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade, onde moitos dos personaxes coma os anxos son representados por rapaces e unha tremoia aérea oculta baixo un lenzo ou tea azul na cúpula da basílica que representa o ceo e da que baixan ou ascenden personaxes enriba de aparellos coma a granada ou o araceli.
Os misterios duraban varios días e acontecían durante certas celebracións relixiosas. Da igrexa, pasaron a ser representadas en escenarios habilitados para tal efecto nas prazas, carros e mansións (varias casas con distinta decoración para poder observar diferentes pasaxes e que obrigan á progresividade e itinerancia dos espectadores, que seguían o curso da representación diante de cada casa, algunha das cales podería ter efectos especiais con lume, auga ou efectos sonoros).
Os actores estaban agrupados en confrarías e a organización era normalmente municipal. A evolución destes espectáculo, sobre todo cara o groseiro, fixo que a Igrexa prohibise a utilización do asunto relixioso para a creación de espectáculos, mais a tradición conseguiu fortalecer a supervivencia dos mesmos.