Araceli – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Araceli

Categoría:

É unha estrutura de metal que forma parte da tremoia para as escenas aéreas verticais de representación dos misterios medievais dentro das igrexas.

A estrutura ornamentada en cor dourada posúe cinco repisas que sosteñen a cinco personaxes que descenden do ceo, pois seguindo a convención das liñas de movemento do medievo, as escenas verticais corresponden con asuntos terreais e as verticais a personaxes ou asuntos relacionados co ámbito celestial.

Para a representación, a cúpula cóbrese dunha lona cun ceo pintado e con anxos, que oculta un estaribel de madeira sobre o cal os técnicos da tremoia realizan os cambios de mecanismo e estruturas. Na lona, aparece un oco cadrado polo cal descenden tres tipos de estruturas escenográficas, entre as que se conta o araceli, unha especie de retablo en cuxo centro se sitúa un anxo e arredor os outros catro personaxes ata completar os cinco estipulados.

O misterio como xénero escénico medieval relixioso aínda se representa na Comunidade Valenciana todos os anos, o Misterio de Elxe, Patrimonio Oral e Inmaterial da UNESCO dende 2001. Nel tamén se emprega a granada, unha especie de esfera con oito lascas móbiles cama as dunha laranxa que se abren e pechan para anunciar a morte de María e a Trindade ou Coroación, que tamén se baixa con cordas e tornos manuais e de características moi similares ao araceli, pero de reducido tamaño.

Relacionado con