Atelana – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Atelana

Categoría:

Tipo de farsa da Antiga Roma, procedente da cidade de Atella, posteriormente importada a Roma segundo o historiador Tito Livio e que se considera como un dos precedentes da Commedia dell’arte italiana.

Ao igual cá Commedia dell’arte, a farsa atelana asentouse en base á improvisación, factor que podería explicar a escaseza de textos fixados, e tamén creou un compendio de personaxes tipo entre os que se atopan: Bucco ou o fachendoso antecedente do Polichinela, Dossenus ou o filósofo encorcovado, Pappus ou o vello avarento, Maccus ou o parvo e o Manducus de boca grande e nariz aguzado que puido ter representado a cobiza.

Esta comedia de ambientación rústica, toque costumista e certo ton escatolóxico, sexual ou burlesco era representada, coma os entremeses, como complemento á representación das traxedias e a súa esaxeración tamén se reflectía na sátira de temas ou persoas do momento, nos disfraces empregados e na fixación da expresión dos trazos físicos principais dos personaxes a través de máscaras.

Outra das características compartidas coa Commedia dell’arte é que a súa fixación literaria culta non terá lugar ata anos despois do seu desenvolvemento como xénero escénico. No caso das farsas atelanas, os autores Lucio Pomponio e Quinto Novio, déronlle forma culta a unha arte popular, incómoda e admirada ao mesmo tempo polo seu ton burlesco e xocoso.

 

 

Relacionado con