Xénero da Grecia Clásica, intepretado por un coro de sátiros, de tema lendario ou mitolóxico e para o que empregaban indumentarias con pelaxes de animais, falos de gran tamaño e outros elementos de utilería. O único drama satírico conservado é o titulado O Cíclope, de Eurípides.
Estas criaturas, metade home, metade animal, contribúen a dar comicidade á peza, e ao participaren do séquito de Dioniso, son representantes do deus dentro dela. Posúe o ton da traxedia e mesmo a estrutura métrica, o ambiente da comedia e temáticas da natureza que aparecen nos himnos homéricos, o que fai que moitos especialistas consideren este xénero como un híbrido na fronteira.
Ademais do carácter burlesco, o drama satírico producía un certo alivio cómico nas representacións. Con todo, diferénciase da comedia en que os sátiros deben manter esa dignidade tráxica, por iso non son como eses personaxes baixos do xénero da comedia, o que se manifestaba principalmente na fala. Sen distanciarse do mito, incorpora aspectos escatolóxicos e contraste entre sátiros e outros personaxes da trama. Saltos e música parecen ser outra das características relevantes da posta en escena dese xénero. Malia non posuírmos demasiados datos, sabemos que foi (a diferenza da traxedia e da comedia, que tamén tiveron desenvolvemento en Roma) un xénero eminentemente grego e con gran prestixio no S. V a.C.
Xa na época renacentista, o pintor e arquitecto Sebastiano Serlio realiza tres ilustracións nos seus libros de arquitectura (1584), onde expón visualmente cales deberían ser os escenarios idóneos para representar comedias, traxedias e dramas satíricos, sendo estes últimos propostos para unha natureza agreste con cabañas, árbores e frondosidade natural, quizais por considerar que sería o espazo escénico ideal para esa representación enérxica, mítica, sobrenatural.