Técnica e xénero teatral que consiste na representación de historias empregando figuras que se manipulan detrás dunha tea, que se ilumina pola parte oposta ao público. Para a execución e lograr diferentes resultados, a distancia das figuras recortadas con respecto ao soporte no que se proxecta a súa sombra pode contribuír a variar o seu tamaño e nitidez.
Existen dous tipos básicos de figuras:
-As planas. Nesta categoría podemos distinguir a silueta negra, con perforacións, transparentes e figuras móbiles. As negras poden ser de madeira ou cartón e acostuman manipularse con variñas finas. As perforamas poden proxectar cor e para iso poden levar celofán ou acetato. As transparentes son totalmente traslúcidas e son moi luminosas, coloridas e espectaculares. Finalmente, as móbiles, de gran expresividade, permiten humanizar máis a figura ao permitir mover as articulacións e simular desprazamentos.
-Figuras corporais. Importadas da China, estas figuras realízanse co propio corpo, como as mans e coreografías grupais ou figuras mediante as posicións dun conxunto de artistas. Este tipo permite integrar distintas artes do movemento e mesmo monicreques, música ao vivo, etc. É frecuente ver este tipo de figuras de sombras en grandes espectáculos musicais e o poder máxico e ilusionante que crean causan unha gran atracción e aplauso do público, como se pode comprobar cos populares espectáculo da compañía internacional Pilobolus Dance Theatre.