Coro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Coro

Categoría:
  1. Personaxe colectivo da traxedia e da comedia grega clásicas encargado de alertar, informar, danzar ou bailar e que dialoga cos protagonistas a través do corifeo.
  2. Os coros tamén foron as agrupacións folclóricas que, a fins do século XIX e comezos do XX representaban zarzuelas e promovían a recuperación da música e a danza populares, alén de representacións teatrais de orde polo xeral costumista e rural. En Galicia, os coros foron fundamentais para lograr a dignificación da lingua galega pretendida polas Irmandades da Fala. Dos primeiros coros fundados durante os anos dez do século XX aínda seguen en funcionamento catro: Cántigas da Terra, na Coruña; Toxos e Froles, en Ferrol; De Ruada, en Ourense, e Cantigas e Agarimos, en Santiago de Compostela.

O investigador Patrice Pavis sinala, entre as funcións do coro no teatro clásico, a de propiciar unha estética desrealizadora como elemento artificial mesmo en posteriores épocas coma na técnica épica, a idealización e xeneralización debido ao seu lirismo, a expresión dunha comunidade e polo tanto como espectador idealizado e a súa capacidade de rebelión grazas ao seu papel crítico.

Os coros non sempre representaban papeis humanos, senón que ás veces eran personaxes animais, obxectos ou elementos abstractos. Así, poderían representar dende unha nube, unha abella, cabalos ou cidades.

Relacionado con