Conflito – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Conflito

Categoría:

É o enfrontamento ou o choque entre dúas forzas que perseguen o mesmo obxectivo ou nas que unha impide o triunfo da outra nunha obra dramática. Tamén pode haber un conflito interno cando é un mesmo personaxe quen confronta dúas visións ou interese particulares na súa peripecia.

Para que exista drama, o protagonista deberá atoparse con algún obstáculo, algún opoñente, algunha forza opresora ou moral que lle impida concretar un obxectivo que pode ser cambiante ao longo do tempo, pero que é a forza motivadora das accións dramáticas. Para a profesora María Paz Grillo Torres, os obxectivos deben ser: concretos, coñecidos, previos á aparición do incidente desencadeante, difíciles de conseguir ou imposíbeis, necesarios e irrenunciábeis.

Por exemplo na obra Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans, vemos xa dende o comezo o conflito, ou os conflitos das dúas unidades familiares sobre as que se sustenta a peza: Andrés e Helena nos corenta e Luísa e Iván nos vinte. As tensións e a desestruturación, que nun primeiro momento poden parecer parte dunha pintura convencional dun drama burgués ou guión telenovelesco sentimental, deixan a un lado esta impresión primeira grazas a certos usos coma o contraste cunha escena onírica (a primeira do segundo acto), que se pode interpretar coma a realización dun soño da nai de Helena ou os primeiros síntomas de certa senilidade desta. Trátase, por tanto, dunha galería de conflitos que alimentan a tensión e a acción dramática.

As estratexias que vai probando e presentando un personaxe para retomar a canle que leva á consecución do seu obxectivo ou da súa forza motora irán abrindo novos aspectos, circunstancias, axudantes ou opoñentes para tal fin e outros obxectivos locais, inmediatos ou auxiliares, seguindo as consideracións de Grillo Torres.

Vid.  Esquema actancial.

Relacionado con