Commedia dell’arte – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Commedia dell’arte

Categoría:

Xénero cómico italiano nacido na século XVI e de importante influencia na cultura escénica europea posterior. Tamén recibiu as seguintes denominacións: commedia all’improviso, commedia a soggeto, commedia di zanni e, en Francia, comédie italienne.

Como se indica no Dicionario de Termos Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: “A súa orixe parece estar na vulgarización da farsa atelana e da comedia latina e nas breves aparicións carnavalescas de personaxes enmascarados, como o larapeteiro Pantalone (o patrón veneciano) e os pícaros zanni (os servidores bergamascos). As historias da Commedia dell’Arte presentan un esquema argumental predicíbel, baseado nos enguedellos amorosos de dúas parellas de namorados. Estes son personaxes serios, que non levan máscaras senón que están vestidos á maneira da época. Os namorados teñen o seu contrapunto nos personaxes ridículos e enmascarados, que son fundamentalmente catro: dous vellos (Pantalone e Dottore) e dous criados (os zanni). A funcionalidade dos personaxes está moi codificada. Por exemplo, un dos zanni é o encargado de dinamizar a acción e o outro de retardala grazas á intercalación de elementos cómicos. O mesmo sucede con Pantalone, vello avaro, celoso e desconfiado, que viste traxe a rombos (orixinariamente remendos), máscara negra e un chapeu adornado cun rabo de coello ou raposo; a súa amada é Colombina, criada espelida e coqueta. Outros zanni son Brighella, Pulcinella ou Piedrolino.”

Como vemos, os personaxes tipo encádranse en distintas modalidades, os “zanni” e os “padroni” e no medio os “innamorati”, dedicados en exclusiva ao cortexo, aos xogos e os labores do namoramento. Identifícanse polos seus traxes e máscaras características, se ben hai algúns personaxes coma os namorados que non levan máscara. A diferenza da comedia erudita, as representacións non partían dun texto literario prefixado, senón que os actores partían dun esquema argumental tamén chamado canevás ou cannovaccio e de frases aprendidas, noticias, accións físicas coma o xogo dos pratos, caídas, pinchacarneiros, etc., que aprendían os actores e que en diversos ámbitos ían perfeccionando e especializándose, convertendo á compañía en auténticas sagas familiares de cómicos que con frecuencia, nas súas viaxes, introducían aspectos e idiomas locais, para xerar maior empatía coa audiencia. Esas escenas breves arredor dun motivo e con finalidade humorística denominábanse lazzi.

Entre as postas en escena máis relevantes que beben directamente da tradición teatral desta comedia popular debemos destacar a posta en escena que Giorgio Strehler levou a cabo en 1947 da obra de Goldoni Arlecchino servitore di due padroni ou a posta en escena da desaparecida compañía Ollomoltranvía de Commedia, un xoguete para Goldoni, con dramaturxia e dirección de Cándido Pazó no ano 1993.

Relacionado con