Comedia erudita – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Comedia erudita

Categoría:

Tipo de comedia renacentista cultivada polos eruditos humanistas italianos a modo de imitación dos modelos clásicos, principalmente Plauto e Terencio.

Este tipo de comedia, realizada á maneira das obras clásicas que eran rescatadas dos mosteiros e dos conventos e representadas no seu idioma latino orixinal, adoita opoñerse á Commedia dell’arte, de corte máis popular, con maiores referencias á época contemporánea e que non valoriza a literatura dramática como un elemento preponderante nin lexitimador do seu capital simbólico. A Commedia dell’arte era entretemento para un público amplo, mentres que a comedia erudita foi o resultado dun exercicio erudito da elite cultural, que seguindo os principios humanistas, considerou que a mellor maneira de rescatar a comedia e dar vigor a unha sociedade culta era seguir os modelos clásicos, como se fixo noutras artes e disciplinas, coma a arquitectura.

A Florencia dos Médici, a Roma pontificia, Mantua ou Ferrara foron as cidades que viron aparecer este tipo de obras escritas en latín, entre as que destacan os escritores Ariosto (1474-1533) ou Maquiavelo (1469-1527) coa súa Madrágora.

Aínda inspirándose nas comedias clásicas, a comedia erudita empregou este material como punto de partida para ir engadindo co tempo abundantes referencias ás noticias da época, intercaladas con elementos satíricos e intrigas que lle conferiron certo realismo, así como enxeño nos enredos e expresións que tamén a foron ligando coa cultura popular e conectando coa multitude, separándose así pouco a pouco da visión elitista da gran cultura recluída nos mosteiros e nos palacios.

Relacionado con