Espazo de representación do teatro comercial durante o Barroco español, xunto cos palacios e recintos da monarquía para o teatro cortesán e a rúa para os autos e os cómicos da legua, entre outras manifestacións artísticas.
O nacemento destes teatros estábeis durante o Século de Ouro español, que son o paso da rúa a un recinto pechado que permite cobrar entrada, estivo relacionado con varios factores, dende a beneficencia das confrarías para destinar a recadación á asistencia de asilos e hospitais ata por iniciativa municipal ou estritamente comercial e privada.
Nas súas orixes, estes espazos eran en realidade patios comunitarios da veciñanza acomodados para as representacións, onde o público ocupaba tanto a parte do patio coma os balcóns e fiestras das vivendas como lugar mellor acomodado. Posteriormente, os novos currais foron construídos especificamente para responder ás necesidades de representación das comedias, pero seguindo a estrutura dos currais antigos. Así, os tres elementos básicos que deberían ter son: un escenario de madeira para a representación, un patio central a ceo aberto no que se podía estender un pano que tapaba o sol e uniformizaba a luz para que na representación se puidesen empregar candís e luminarias como elementos de significación da luz e os apousentos reservados para as clases superiores, para o clero ou para a intelectualidade.
O escenario, ademais de espazo da representación, podía ter unha trampa no chan, chamado escotillón, polo cal podían aparecer personaxes durante a representación. Debaixo tamén estaban os vestiarios masculinos, pois se erguían aproximadamente metro e medio sobre o nivel do patio. Igualmente, tamén puideron colocarse estaribeis adxacentes para algunhas representacións que necesitasen elementos escenográficos de maior tamaño ou para colocar bancos e taburetes. Detrás do escenario, a modo de fachada e aproveitando as columnas e fiestras, colocábanse teas e lenzos pintados empregados para a representación. Eran nove ocos que podían servir para a maquinaria escénica ou como espazo de representación e polo tanto para a aparición de actores, animais ou obxectos.
O espazo para o público era variado e respondía á estruturación social e ás normas sociais da época, así coma á socioloxía dos teatros, suxeitos a normativas cambiantes e ao apoio, presenza e control da monarquía, que ademais concedía as licenzas de representación. As entradas máis baratas eran as do patio, onde estaban as clases máis humildes e onde ás veces era preciso que interviñesen os alguacís de comedia para manter a orde. Na cazola (cazuela na época) á altura do primeiro andar, estaban as mulleres, e enriba deste espazo uns apousentos con varanda reservados para a nobreza e as autoridades municipais. No primeiro e no segundo andar, atopariamos os apousentos (aposentos), de fiestra e de balcón que eran dependencias das casas lindeiras dispostas con cadeiras e ás veces con celosías nas de fiestra co obxecto de ver sen seren vistos. Finalmente, na parte superior, no terceiro andar, estarían os faiados reservados para escritores e clérigos, que malia as prohibicións, acudían ao teatro e gustaban de atoparse nese espazo chamado tertulia.
A ambos lados das entradas había unha dependencia para os aloxadores (alojeros) que vendían unha bebida refrescante a base de auga, mel e especias. Eran espazos que podían variar o seu aforo dependendo da colocación de bancos ou das necesidades da representación, pero tense calculado que no curral do Príncipe de Madrid puido haber capacidade para mil persoas perfectamente.