Honra – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Honra

Categoría:

Topos constante do teatro do Século de Ouro español e doutras tradicións literarias que pode provocar situacións dramáticas tráxicas ou xocosas. Este tema recorrente na literatura dramática áurea refírese á reputación, distinción, gabanza ou fama dun determinado personaxe e que, no desenvolvemento da trama, habitualmente terá que salvagardar, recuperar ou restaurar. Polo tanto, este concepto e o seu tratamento na citada tradición literario-dramática, está tinguida de aspectos antropolóxicos, relixiosos e morais.

Lope de Vega recoñece o valor dramático e o poder de captación do interese da audiencia ao empregar este tema ou esta circunstancia nos conflitos dos personaxes das comedias. Pódese observar a súa utilización en obras como Fuente Ovejuna ou El castigo sin venganza. O desenvolvemento deste asunto nas comedias de Lope ou de Calderón, entre outros, amosa a realidade social española do século XVII, como é a xerarquización social, a visión patriarcal nos códigos do amor (tema fundamental, por outro lado, destas pezas) e no obxectivo do mantemento da honra ou da correspondencia amorosa e a constatación teocéntrica da monarquía.

Relacionado con