Gracioso – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Gracioso

Categoría:

Personaxe, xeralmente masculino, característico do teatro do Século de Ouro español, tamén chamado  “figura del donaire”. Forma parte da cadea histórica de personaxes rústicos, coma o bobo ou os pastores e cobra protagonismo a partir das comedias de Lope de Vega.

Amigo da comida e do xogo, este personaxe caracterízase pola súa actitude burlesca, pola súa covardía e polo cariño que lle profesa ao seu amo malia as aventuras e adversidades que se lle poidan presentar ou poida provocar. Móvese baixo certa lóxica carnavalesca, tendendo á animalización, ao grotesco e á degradación.

O gracioso adoita servir de contraste á figura protagonista, o galán, se ben é certo que, a finais do Barroco, as características do gracioso foron asumidas por este personaxes, que propiciou as chamadas “comedias de figurón”.

Outras funcións que pode presentar este personaxe na literatura dramática áurea son a crítica social, aconsellar aos seus galáns ou establecer unha ponte cómplice co público. Neste senso, o investigador Manuel Antonio Arango, apunta: “O gracioso ten por misión asegurar a comprensión da comedia polo auditorio; subliña os trazos máis importantes da intriga; pode representar un personaxe calquera como home anónimo e exerce ás veces o papel de coro clásico. É á vez vox populi e vox Dei na súa inocencia. En moitas ocasións trata de suavizar os vicios e malas accións dos seus amos.”

Relacionado con