De Arte, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

De Arte, Teatro

Categoría:

Termo co que se identifican, a partir da segunda metade do século XIX, os teatros e compañías que albergaban propostas escénicas novidosas, experimentais ou vangardistas.

O teatro da arte implicaba tamén unha vontade de afastamento dos parámetros tradicionais para a creación artística, cunha pretensión explícita de criticar e distanciarse do teatro burgués e romántico. Pero asemade, o teatro de arte pretendía revolucionar a recepción, obrigando ao público a enfrontarse a modos inéditos de visionado teatral. Así, o naturalismo comeza no ámbito dos teatros de arte, resultando paradigmático André Antoine que, na procura de liberar o público dos modos de recepción burgueses, retira o seu Théâtre Libre (1887) das zonas comerciais (o bulevar) e sitúao primeiro no Elíseo de Montmartre e despois no Barrio Latino. Non esquezamos, tamén no ámbito naturalista, que o importantísimo proxecto escénico de Konstantin Stanislavski se autodenominou Teatro da Arte de Moscova (1897). Con todo, as implicacións futuras do concepto de teatro da arte do XIX virían da man da corrente simbolista e da vangarda escénica, que se apropiaron do concepto de teatro da arte a través da súa vontade experimental e da súa capacidade para a innovación en proxectos coma o de Paul Fort e Lugné Poe, que crean o Théâtre d’Art (1889) que se converterá despois en Théâtre del’Oeuvre (1893). Jean-François Dusigne vincula co movemento de teatro da arte a Gordon Craig, Max Reinhardt, ao teatro puramente vangardista (futurista, sobre todo) e á actividade do Vieux-Colombier (1913) de Jacques Copeau ao que se uniría o grupo CARTEL formado por Charles Dullin, Louis Jouvet, Gaston Baty e Georges Pitöef. Para Dusigne, a importancia das experiencias de teatro de arte durante a primeira metade do século XX en Francia foron esenciais para a definición dun modelo de teatro público que se estendería por Europa, nomeadamente á España posfranquista.

En España, algúns aspectos da experiencia dos teatros da arte franceses será explorada por artistas da preguerra coma Federico García Lorca ou Alejandro Casona, pero o promotor máis consciente dun teatro da arte na España anterior á Guerra Civil foi Cipriano Rivas Cherif, coas súas postas en escena de Valle Inclán. Con el traballou como escenógrafo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen coa súa viaxe a París de 1921, queda fascinado con toda a experiencia teatral da vangarda francesa (sobre todo os ballets rusos afincados na cidade coa compañia de Nikita Balief) e, durante moito tempo, teima en crear para Galicia un teatro de arte, proxecto no que tenta convencer aos seus amigos e colaboradores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas; a súa peza Os vellos non deben de namorarse responde a ese vello proxecto de Castelao iniciado no París de 1921 á imaxe e semellanza dos teatros de arte europeos.

Relacionado con