Ferramenta propia da planificación cultural aplicada ás artes escénicas a través da cal se delimitan tarefas e recursos, así coma a súa organización no tempo e no espazo, co fin do lograr tanto un obxectivo artístico, coma a mellora económica, unha mudanza no modelo de produción, a difusión da obra ou a compañía, a procura de espectadores ou mesmo un propósito político-cultural máis amplo.
En todo proxecto debe existir un diagnóstico da situación de partida que dea conta da natureza do proxecto e a situación previa ao mesmo, valorando os recursos dispoñíbeis. A continuación, no proxecto debe figurar unha proposta de obxectivos que implique as súas metas e as persoas ás que vai destinado; un programa de actividades no que se especifique as accións concretas a desenvolver coas metodoloxías para levalas adiante así coma o cronograma e a organización dos recursos materiais, financeiros e humanos. Finalmente, todo proxecto debería pecharse cunha avaliación dos resultados que dea conta, obviamente, das mudanzas que o desenvolvemento do proxecto implicou a respecto da situación de partida.
Para saber máis: Ander-Egg, Ezequiel (1995) Introducción a la planificación, Buenos Aires, Lumen; Roselló, David (2004) Diseño y evaluación de proyectos culturales, Barcelona, Ariel.