Feminista, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Feminista, Teatro

Categoría:

Toda manifestación escénica ou dramática realizada con perspectiva de xénero, isto é, desde a ruptura coas fórmulas de organización teatral naturalizadas polo patriarcado a través das que se normaliza o sometemento das mulleres, o seu desempoderamento e a súa desigualdade, asumindo, ademais, que a Historia do Teatro silenciou tanto a presenza das artistas e o seu punto de vista estético, coma o tratamento teatral de modelos de muller heterodoxos.

O teatro feminista non debe ser observado coma un xénero, senón coma un programa ético-estético con implicacións políticas (coma todo o feminismo) que atinxe a todos os aspectos da teatralidade, tratando de observalos desde a xa mencionada perspectiva de xénero. Terá, por tanto, implicacións no relativo ao punto de vista das historias contadas, ao tratamento dos personaxes (especialmente os femininos), aos usos da linguaxe, o tratamento dos corpos, as reflexións políticas e ideolóxicas ou a selección dos temas, pero tamén terá implicacións de orde organizativa e sociolóxica relativas á conformación das equipas de traballo (a través da acción afirmativa en prol de presenza de mulleres), á selección dos públicos e mesmo á distribución dos recursos.

Desde unha perspectiva construtiva, o teatro feminista é necesaria e esencialmente distanciador, pois procura un obxectivo revolucionario en sentido brechtiano, tentando mudar un status quo social e demostrando as alternativas posíbeis a través da ficción teatral e a través da propia dispositio argumental. É, por isto, unha forma de teatro político.

Relacionado con